O Grupo parlamentario do BNG presentou unha emenda á totalidade qeu pide a devolución do proxecto presentado polo Goberno galego
Os deputados do BNG, Cosme Pombo, portavoz de Educación e a parlamentaria, Carme Adán mantiveron esta mañá unha reunión con responsables da CIG-Ensino para dar conta da presentación dunha emenda á totalidade, a devolución do proxecto de Lei do Sistema Universitario Galego presentado polo Goberno galego.
O BNG solicitou a devolución do proxecto de lei, en primeiro lugar, por considerar que é un grave atentado á autonomía universitaria galega e que vai en contra a potestade de auto-organización das propias universidades. En segundo lugar, explica o deputado do BNG, Cosme Pombo, o proxecto de lei renuncia a estruturar un Sistema Universitario Galego integrado e equilibrado e non introduce medidas que propicien a mobilidade do seu persoal. En terceiro lugar -engade- non hai unha garantía de sustentabilidade financeira. Ademais o idioma propio aparece moi secundarizado, cando a universidade tería que sentirse orgullosa do galego e poñelo en destaque.
Alba Nogueira, Responsábel da CIG-Ensino da USC e Anxo Louzao, Secretario Nacional, valoraron a reunión e explicaron que BNG foi receptivo ás propostas achegadas pola CIG e que están moi lonxe do texto proposto polo PP.
O proxecto de lei non cumpre o obxectivo de pular polo ensino público universitario, de achegar o financiamento suficiente, de facilitar a galeguización e non atende as necesidades de persoal nin atende suficientemente as diferentes áreas de coñecemento e investigación. Reduce a proposta inicial de representación sindical nos Consellos Sociais, non contempla a súa representación no Consello Galego de Universidades e non recolle tampouco a constitución da Mesa sectorial de Universidades, explicou Anxo Louzao.
Xuntanzas con outras organizacións e entidades
O BNG inicia, deste xeito, unha rolda de contactos con entidades e organizacións que operan nas universidades galega, para presentar emendas parciais coñecendo de primeira man a opinión dos diferentes axentes que participan do sistema universitario galego.
O proxecto actual non responde ás necesidades do Sistema Universitario Galego. Agardamos que o proceso de debate e de presentación de emendas parciais dea lugar a unha nova lei que permita que a universidade sexa aproveitada como ferramenta para saír da crise pola importancia que ten para o desenvolvemento da ciencia da innovación, da investigación e a nosa cultura, afirmou o portavoz de Educación do BNG, Cosme Pombo.