A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, e a deputada Rosana Pérez, presentaron unha proposición non de lei na Cámara Baixa que insta ao Goberno a cesar ao Delegado do Goberno na Galiza, Samuel Juárez, por incompetencia demostrada para exercer o seu cargo e polas manifestacións anti democráticas.
Alega Davila que o Señor Juárez demostrou a súa incompetencia tanto pola estratexia represora antes as persoas e colectivos que se manifestan pública e democraticamente, como polas expresións irrespetuosas ante actos de resistencia pacífica, ou polas súas actuacións anti democráticas ao difundir calumnias contra forzas políticas co único obxectivo de desprestixialas.
A súa actitude é impropia dunha autoridade pública
Engade a deputada do BNG que a xestión do delegado do Goberno destaca polo aumento da represión, ao incrementar de xeito abusivo os expedientes sancionadores. Ademáis, de insistir nunha estratexia de limitación de liberdades e dereitos fundamentais, e as súas expresións irrespetuosas como cando denominou bárbaros ás persoas concentradas diante da casa dunha persoa maior en A Coruña que ía ser desaloxada.
De igual xeito, a deputada do BNG alude ao perfil público da rede social Facebook onde o Señor Juárez figura asociado a un grupo denominado Por la supresión de la autonomía catalana. E fai mención á entrevista publicada o 9 de xuño pasado nun diario onde falaba de Resistencia galega e do BNG sinalando que me gustaría ver pola súa parte (BNG) unha condena máis clara e máis inequívoca.
Incluso, aprofundou nestas aseveracións. Davila tilda as manifestacións de Juárez de falsas, substentadas nunha enorme mintira coa que se pretende criminalizar a unha organización democrática como o BNG, que sempre se distinguiu por rexeitar a violencia. A portavoz nacionalista engade que a insistencia do Delegado do Goberno demostra que son afirmacións feitas a propósito para causar un dano á imaxe e percepción pública do BNG.
Para Davila é impropio que unha autoridade pública, que exerce a representación do Goberno central na Galiza e ten importantes responsabilidades, ataque de maneira tan insidiosa e infundada a unha organización política democrática.