A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, e a deputada do BNG no Parlamento galego, Ana Pontón, presentaron varias iniciativas parlamentares na Cámara Baixa e no Parlamento galego a raiz da polémica suscitada polo director da revista Cuadernos de Estudios Gallegos e director do Instituto Padre Sarmiento.
Ambas parlamentares fanse eco das declaracións do responsábel da revista, quen alegou que non se pode traducir ao galego o título da publicación porque se perdería prestixio.
Para o BNG resulta sorprendente esta afirmación cando a tradución ao galego do título sería Cadernos de Estudos Galegos, e sobre todo porque a revista publica artigos en galego e en portugués.
Lembran Rosana Pérez e Ana Pontón que o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento foi creado en 1943, é un centro de investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Desde o ano 2000 é un centro de carácter mixto, de titularidade compartida entre o CSIC e a Xunta, e cuxa produción intelectual está centrada no eido das Humanidades, especialmente o relacionado coa Historia de Galiza.
O Instituto posúe unha das bibliotecas especializadas máis importantes de Galiza, sobre todo de bibliografía galega e portuguesa.
Para as deputadas do BNG é certamente desatinado vincular o galego coa falla de prestixio porque se reincide nos tópicos que cuestionan a utilidade do galego e cuestionan as bases legais sobre as que se asenta o proceso de normalización lingüística.
Rosana Pérez pregunta ao Goberno central se comparte as declaracións efectuadas polo director do Instituto Padre Sarmiento, e quer saber cais son as características da titularidade compartida entre o CSIC e a Xunta. Que problemas existen para traducir ao galego o título dunha revista especializada no eido das Humanidades? Cal é o problema cando a propia revista publica artigos en galego?.
Pola súa parte, e no que atinxe ás competencias da Xunta, Ana Pontón pregunta ao Goberno galego cal é a súa avaliación destas declaración, e pídelle a adopción de actuacións para que se traduza ao galego a revista Cuadernos de Estudios Gallegos.