A deputada, Ana Pontón salientou que a AP-9 e AP-53 manteñen os prezos máis elevados do Estado e cun peor servizo
A deputada do BNG, Ana Pontón formulou unha pregunta ao goberno en comisión relativa á calidade dos servizos, perda de emprego e posible rebaixa das peaxes das autoestradas galegas.
Na súa intervención, Pontón lembrou que en Galiza as autoestradas manteñen peaxes abusivas ás que sumou os abusos que se producen cando se concentra unha maior afluencia de vehículos con miles de persoas usuarias atrapadas nas peaxes sen que realmente se sancione á empresa ou se modifiquen as condicións desta concesión.Neste sentido, preguntou se o Goberno galego ten previsto algunha actuación para acadar unha significativa rebaixa das peaxes da AP-9 e AP-53 e que medidas levou adiante a Xunta ante o ridículo impacto que tivo en Galiza o plan experimental de desviar tráfico pesado á AP-9.
A deputada relatou diversos exemplos de traballadores e estudantes que deben desembolsar 300 euros ao mes se utilizan unhas autoestradas que ademais son inseguras. O transporte de produtos tamén son os grandes prexudicados, dixo e non favorece a exportación. A parlamentaria tamén criticou a xestión das autoestradas e que os gobernos do PP e PSOE non iniciaran o seu rescate e mesmo ampliaron a concesión e a súa privatización.
Pola súa parte, o director xeral da Axencia Galega de Infraestruturas salientou que a xestión e tarifas corresponde ao Ministerio de Fomento pero a Xunta demandou a transferencia da titularidade da autoestrada así como unha política de peaxes homoxénea para todo o país. Sobre as rebaixas das peaxes a Xunta subvenciona o percorrido Vigo-Morrazo e Coruña- Barcala.
A deputada replicou que os usuarios/as da AP-9 e da AP-53 non teñen a mesma satisfacción" que a Xunta e que veña vostede a dicirnos que son espléndidas as bonificacións da AP-9 é unha tomadura de pelo. As bonificacións son ridículas, non son por hora e só se aplican sobre os aparellos de telepeaxe e só de volta. O que realmente hai é un mal servizo e unha concesionaria que sigue obtendo grandes beneficios grazas a miles de usuari@s atrapados nunha autoestrada sen alternativa, recalcou a parlamentaria.
AP-53, engadiu, non ten ningunha bonificación e AP-9 nunha parte moi pequena do seu percorrido que supón unha discriminación a respecto doutras autoestradas.
Finalmente Pontón tamén negou o interese do Goberno galego para reclamar a transferencia da AP-9 que cualificou de uro formalismo pois non existe ningunha iniciativa política real para que esa autoestrada pase a ser de titularidade da Xunta mentres que Cataluña e o País Vasco si conseguiron ese traspaso.