Tereixa Paz reclamou elaborar un novo decreto que inclúa a figura dun mediador entre gandeiros e industrias con carácter obrigatorio e vinculante, contratos anuais para a recollida do leite e unha negociación xusta dos prezos para evitar que sexan inferiores o custe de produción
A deputada do BNG, Tereixa Paz, defendeu hoxe na Comisión de Agricultura vetar o Decreto sobre o paquete lácteo que será aprobado polo consello de Ministros e que a todas luces, dixo, resulta lesivo para os intereses galegos.
A nacionalista avogou por un instrumento ao que podan acudir os gandeiros cando lle coloquen a bota no pescozo porque só así, dixo pode ser potenciada a economía e o dinamismo social.
Durante os últimos meses, explicou, os gandeiros e gandeiras viviron unha baixada de prezos e a ameaza de multas por sobreprodución durante a campaña. Neste contexto, o Ministerio de Agricultura ten previsto aprobar o chamado paquete lácteo que non recolle ningunha das demandas do sector polo que reclamou da Xunta unha posición contundente contra un decreto que só beneficia aos intereses da industria e abandona aos produtores/as.
O Ministerio de Agricultura desoe á Consellería de Medio Rural
Lamentablemente, dixo, todo indica que o Ministerio tampouco está disposto a respectar o acordado coa Consellería do Medio Rural.
Pola súa parte, a portavoz do PP, Isabel Garcia Pacín acusou de papelón as intervencións da oposición e recriminou os desprezos e ataques contra o Goberno de Feijóo, a pesar, dixo, de que a administración sempre está ao carón dos produtores. E unha pena manifestou, que a oposición non sexa construtiva.
Tereixa Paz convidou a portavoz popular a manter as súas afirmacións ante un auditorio de 200 ou 300 gandeiros. Os únicos que non teñen capacidade para poñerse dacordo son vostedes, os do PP. Na oposición defendemos uns mínimos que satisfacen o sector. Vostedes, se tiveran un pouco de dignidade política, daríanlle un portazo a ministra Tejerina.
O Partido popular votou en contra da iniciativa nacionalista argumentando que o decreto beneficiará o sector lácteo.
Feijóo, criticou a deputada do BNG, atribuíuse o mérito do repunte dos prezos do leite sen ningún rubor pero leva ausente un ano da problemática do sector e moito nos tememos, que vai seguir así moito máis tempo.
Tereixa Paz lamentou que, unha vez máis o Partido popular non tome as medidas necesarias contra a precariedade que viven os gandeiros e gandeiras e asuman un decreto que non beneficia os intereses galegos.