Daniel Rodas denuncia o desleixo do Goberno galego por non encabezar as negociacións do reparto das cotas peláxicas delegando en estómagos agradecidos o futuro da flota de cerco. O nacionalista critica que a Consellería de Pesca asuma sen rechistar os criterios de Madrid, tan afastados da realidade galega e que poñen na picota o sector pesqueiro.
O portavoz de pesca do BNG, Daniel Rodas denuncia a situación de abandono da pesca galega e desleixo do Goberno galego por non encabezar a delegación que negocia o reparto de cotas peláxicas delegando en estómagos agradecidos unhas negociacións que poñen na picota a flota do cerco obrigando as artes menores a renunciar a especies como a xarda.
O parlamentario suma ás súas denuncias a falta de compromiso da conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana , porque a estas alturas aínda descoñecemos cal é a posición do Goberno galego para defender os intereses da flota peláxica galega no reparto de cotas en Madrid.
Rodas explica que a negociación do reparto de cota principiaba no mes de decembro, co fin de acadar un acordo, comezar a campaña e que a flota galega non se vira obrigada a desprazarse a pescar a Cantabria e o País Vasco. Ademais contabamos coa esperanza de que por fin se puideran defender os criterios socieconómicos para que houbese un reparto máis equitativo, pero ao igual que sucedeu en Bruxelas, en Madrid impóñense uns criterios e dereitos históricos de pesca, afastados da realidade galega que colocan ao noso sector na picota.
De non remedialo, lamenta o deputado, xa conseguiron que na primeira negociación aos 254 barcos cerqueiros galegos lle toque no reparto directo un 24,8% da cota da xarda, case o mesmo que a flota de Cantábria, entre ambas non suman o 50% da flota vasca que con 53 embarcacións de cerco acapara a maior parte da cota. Unha flota, que ao contrario da galega, pode compatibilizar a súa actividade con outros recursos durante todo o ano: costeira do bonito, bocareu, etc... converténdoa nunha flota industrial cunha altísima rendibilidade mentres a galega vese abocada á roubeta.
Na segunda parte da negociación,engade, é de vergonza que se admita que teñan un maior porcentaxe os datos históricos pois con este criterio, a flota galega sometida a regulación e que non puido pescala ao esgotar as capturas antes de que a especie chegase as nosas costas, sae trasquilada, dándolle unha porcentaxe anecdótica ao número de tripulantes, aos GTS ou a factores socieconómicos; criterios que xunto ao de zona altamente dependente da pesca beneficiarían a Galiza.
O sector non se sinte defendido polo Goberno galego
O sector, engade Rodas, xa deixou ben claro que non admite este cambalache nin a falta de compromiso do Goberno galego para pelexar polos intereses pesqueiros. Dende o BNG, afirma, compartimos esta indignación e reiteramos o noso total apoio contra esta aldraxe. É o momento de defender os criterios socieconómicos, sostibilidade e reparto equitativo do recurso en función da flota e número de empregados.
Ademais, o aproveitamento dun recurso público debe tender a distribuírse de forma equitativa entre a maior parte do sector extractivo e non concentralo na parte máis industrializada da flota que leva máis tempo pescando e con exceso de tope.
Non queremos quedar un ano máis sen posibilidades de pescar, pero tampouco podemos permitir que outros renuncien por nós a pescala no futuro, remacha o deputado do BNG.