O deputado do BNG, Cosme Pombo pediu ao PP que escoite á Comunidade educativa, as AMPAS e sindicatos que demandan mellorar o ensino público galego tras continuos recortes
Pleno.- O parlamentario do BNG, Cosme Pombo defendeu unha Moción para pedir a retirada do Decreto das reválidas e adiar a LOMCE en Galiza.
Na súa intervención, o deputado afirmou que as novas reválidas son requisito imprescindible para acceder ao seguinte ciclo, pero o obxectivo do PP é outro, establecer características xerais das probas de avaliación final das probas de educación primaria, secundaria obrigatorias e máis do bacharelato deixando a unha importante parte do alumnado fora do sistema educativo. Volven outra vez as reválidas do franquismo baixo criterios comúns a todo o territorio do Estado que nos pretende uniformizar a todos.
A Comunidade educativa galega rexeitou a reválida no terceiro de primaria, e manifestouse en contra dunha lei que impide a educación do alumnado en igualdade de condicións. O decreto das reválidas só busca, dixo, mercantilizar e privatizar o ensino público.
Para o deputado, a LONCE afonda na recentralización e resulta especialmente nociva para o ensino galego. Outras Comunidades Autónomas, explicou, presentaron recursos por invasión de competencias educativas e mesmo acadaron acordos co ministerio para que fosen respectadas as súas linguas mentres Galiza non fixo nada.
Cosme Pombo lembrou que no anterior pleno preguntou, ao conselleiro de Educación, a través dunha Interpelación, se tiña previsto reclamar as competencias galegas e recorrer o decreto, pero unha vez máis, dixo o nacionalista, o conselleiro limitouse a ler unha nota e non formulou ningún compromiso.
O parlamentario do BNG lamentou que o deputado do Partido popular, Hipólito Fariñas afirmara que o Goberno garante a igualdade de condicións e oportunidades nun sistema educativo forte e coas competencias para o que foi deseñado. Fariñas acusou á oposición de presionar aos país para facerlles ver algo que non é. O portavoz do PP pediu aos grupos da oposición que se sumaran ás probas de avaliación porque supoñen un instrumento útil para mellorar o sistema educativo.
O parlamentario do BNG reiterou que o sistema de reválidas, é clasista, segregacionista e pretende botar ao alumnado con menos posibilidades fora do sistema educativo público e lamentou que o Partido popular sega no camiño de excluír aos sectores máis desfavorecidos da nosa sociedade. A comunidade educativa está farta de ver como recortan profesorado, orzamentos e agora o préstamo universal gratuíto do libro de texto. Escoiten vostedes as Ampas, aos sindicatos e a Comunidade educativa, demandou o deputado.