O BNG pide un referendo sobre o resgate ao Estado

O BNG pide un referendum para que a sociedade se pronuncie sobre o rescate ao Estado español. Ademais, anuncia unha auditoría social sobre o estado no que se acha o sistema financeiro e os seus responsábeis. Como primeira medida de protesta o BNG convoca para mañá pola tarde concentracións nas sete cidades galegas.

Así o decidiu hoxe a Executiva Nacional do BNG que se reuniu con carácter de urxencia para para analizar o rescate á banca española solicitado polo goberno de Rajoy e aprobado pola Troika este sábado.

“Rajoy mente: o rescate ímolo pagar a escote entre todos”

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, denunciou “as mentiras do Goberno, porque fronte á idea que transmite Rajoy de felicidade absoluta, este rescate si vai ter consecuencias para a maioría social en forma de novos recortes e de aumento de impostos, diga o que diga o PP”.

”O préstamo, iso que lle chama Rajoy, liño de crédito ímolo pagar a escote entre todos e todas”, advertiu.

Polo tanto, anunciou que “dende o BNG negámonos a aceptar o grande engano que está a poñer en marcha o PP, que volve utilizar a mentira masiva como arma política, o que para o BNG é inaceptábel”.

Si vai haber intervención da Troika

Ademais, Guillerme puxo de manifesto que “eses cartos préstanse ao Estado español a través do FROB, polo tanto, iso vai ser débeda pública”.

O PP pasou de “O emprego o primeiro” a “A banca o primeiro”

Neste sentido, advertiu de que “si haber intervención da troika, si vai haber control e si implica esta decisión do goberno a perda de soberanía do Estado español en materia fiscal e financeira”. Do mesmo xeito, denunciou que “si hai condicións para este préstamo, e algunhas delas xa están postas enriba da mesa, como os recortes sociais, o pensionazo ou as rebaixas salariais”.

Guillerme anuncia que o BNG vai organizar unha "auditoría social" sobre o estado no que se acha o sistema financeiro

E polo que respecto aos bancos, o portavoz nacional do BNG afirmou que “non vai resolver os seus problemas e si vai alimentar a burbulla da débeda pública, e por suposta non vai garantir que esa banca, unha vez saneada, forneza crédito nin ás empresa nin a particulares”.

Ante esta situación, Guillerme denunciou que “en seis meses o goberno de Rajoy de defender “o emprego o primeiro” a “a banca o primeiro”.

Feijoo, o desaparecido

Por outra parte, o portavoz nacional advertiu da aínda máis difícil situación na que queda Novagalicia Banco tras este rescate. Neste sentigo, Guillerme criticou que “o locuaz presidente da Xunta estea calado e desaparecido estes días, sen dar ningunha explicación ou proposta sobre a situación na que queda o aforro galego”.

Unha situación que para o BNG só se pode resolver coa Banca Pública Galega como saída, polo que demandou de novo ao PP e ao PSOE en Galiza a que se pronuncien con claridade sobre esta saída.

Auditoría social e referendo

En todo caso, o portavoz nacional do BNG demandou de novo investigacións parlamentarias e tamén xudiciais a cerca de porqué se chegou a esta situación, de quen foron os responsábeis tanto dende o punto de vista da xestión como política, e esixirlles responsabilidades.

“É incríbel que a estas alturas aínda non haxa responsábeis desta situación; e se hai que reformar o Código Penal que se reforme, porque o que pasou co sector financeiro afecta á vida e á facenda de millóns de persoas”.

A este respecto, anunciou que “se PP segue negando esta investigación, o BNG promoverá unha auditoría social para intentar explicar e dar a coñecer á xente o que ten acontecido”.

Concentracións maña nas sete cidades galegas

Do mesmo xeito, subliñou que “o BNG tamén esixe democracia, porque por moitas maiorías absolutas que se teñen, decisións como esta do rescate que afectan á maioría social non poden pasar sen debate democrático”.

Guillerme denuncia o silencio do outrora "locuaz" Feijóo ante a evidencia de que a UE quer unha nova rolda de fusións que levaría aparellada a absorción de Novagaliciabanco por Bankia

Por iso, informou de que “o BNG esixe debate e referendo sobre esta cuestión, para que a sociedade se poida pronunciar sobre o rescate”.

Guillerme subliñou que “o BNG non participará neste engano á sociedade nin nesta cerimonia da confusión e enunciaremos con todas as nosas forzas este rescate que é lesivo para a maioría da sociedade”.

Por último, anunciou que o BNG convoca concentracións nas sete cidades galegas en torno ás 20.00 horas contra o rescate e en demanda un referendum.

http://www.youtube.com/watch?v=spfsnTdtxAw

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG