A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, defendeu hoxe no Pleno a emenda á totalidade do BNG ao proxecto de lei de creación da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia
Davila argumentou que a unificación de todos os reguladores existentes, a excepción dos financeiros, nun novo e único órgao supervisor, suporá importantes perdas na eficacia e na independencia das funcións.
Con este proxecto de lei estes organismos pasan a transformarse en meros supervisores cando antes eran organismos reguladores.
Para a deputada do BNG no actual marco de grave crise, con grandes concentracións de capital e oligopolios nos mercados, é máis necesario que nunca a existencia de órgaos reguladores fortes, independentes e eficaces, o contrario do que o Goberno propón neste proxecto de lei.
Lembrou que cando o anteproxecto foi sometido a informe dos Organismos Reguladores, sinaláronse as contradiccións e imprecisións. Ademáis da falla de debate necesario antes de se decantar por un modelo novo, algo sen precedentes.
A concentración nun único organismo é un caso único na UE
A deputada do BNG denuncia que o proxecto de lei deseña un organismo único de nova creación no que se integran tanto os reguladores sectoriais como o órgao encargado de velar pola competencia. O proxecto estabelece uns breves periodos transitorios que se inician co cesamento dos Conselleiros dos distintos organismos reguladores após a entrada en vigor da norma. Nese sentido, indica que a fin de garantir a independencia dos organismos reguladores, as directivas europeas prevén que os Estados membros garantan que só poidan ser destituidos durante o seu mandato cando xa non cumpran as condicións estabelecidas na propia Directiva.
Máis, denuncia Davila, o proxecto de lei preve o seu cesamento sen que medie ningunha de ditas causas e sen norma transitoria, así que contradí a norma europea.
A portavoz nacionalista lembra a afirmación de Rajoy na súa investidura cando sostivo que faría unha reforma integral dos organismos reguladores. Pero o Goberno español se alonxa do que sucede na UE, onde existen organismos reguladores unisectoriais e específicos, onde hai un regulador enerxético, outro en materia de telecomunicacións e unha autoridade da competencia.
En resumo, afirmou Davila, a concentración nun único organismo de tantas competencias, ademáis de supór un caso practicamente único na UE, suporá a perda de eficacia e de independencia.