As deputadas do BNG no Congreso, Rosana Pérez e Olaia Fernández Davila, presentaron unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa na que piden á Ministra de Fomento maior concreción en relación á modernización da conexión ferroviaria Vigo-Porto, após de que Portugal anunciase a licitación de obras en setembro.
Aluden as deputadas do BNG á cimeira Hispano-Luso celebrada o pasado 22 de xuño en Baiona. Unha das cuestións tratadas foi a das infraestruturas, en concreto, a modernización do tren Vigo-Porto. Destacan que as afirmacións do Goberno portugués en torno a esta cuestión foron bastante máis claras e concretas que as realizadas polo Goberno español.
Lembran que o Xefe do Executivo luso anunciou que licitará o próximo mes de setembro a electrificación do tramo de ferrocarril que pasa polo territorio luso. As parlamentarias do BNG poñen de manifesto a relevancia de modernizar esta conexión entras as dúas importantes cidades da eurorexión norte Galiza-Portugal, un proxecto que leva anos de idas e voltas sen que remate de arrancar.
Fomento debe adoptar actuacións que non retrasen máis este proxecto
O Presidente do Goberno portugués, Pedro Passos Coelho, desvelou que vai licitar a electrificación dos 80 quilómetros que van desde Valença do Minho até a localidade de Nine. Un proxecto necesario para superar a vetusta conexión ferroviaria actual entre ambas urbes e cuxos tempos de viaxe supera as dúas hora e cuarto, sinalan.
Consideran as parlamentares nacionalistas que se trata dunha actuación prioritaria pero que leva moitos anos de retraso. E polo menos, parece que o Executivo luso se puxo as pilas e vai asumir a súa parte. En canto á parte do Goberno español, reprochan á Ministra de Fomento a súa inconcreción e a súa ambigüedade. A titular de Fomento eludiu pronunciarse sobre datas concretas. E só dixo que unha vez concluida a parte portuguesa, iniciaráse a electrificación dos 8 quilómetros entre Tui e a fronteira lusa, engadindo que aínda non se fixo para evitar roubos da catenaria.
Razón pola que pregunta á Ministra que actuacións vai emprender no territorio galego a fin de axilizar este proxecto, e que data concreta baralla para que estea en marcha o tren de altas prestacións Vigo-Porto.
De verdade cre que é boa idea agardar a que o Executivo portugués remate as súas actuacións para que o Ministerio inicie a electrificación da parte situada en territorio de Galiza? Non significa apurar demasiado os tempos? Non provocará esta decisión un maior retraso no remate desta actuación necesaria para acurtar os tempos de viaxe entre as dúas urbes?.
Para impulsar o Camiño Portugués debe coordenarse coa Xunta e concellos
Ademáis, as deputadas do BNG preguntan ao Goberno en que consiste exactamente o Plan de acións conxuntas entre o estado español e o portugués para impulsar o Camiño Portugués a Santiago. En que vai consistir a promoción das fortificacións fronteirizas galegas e portuguesas? Vaise facer este plan en coordenación coa Xunta e os concellos? Non cre que é o máis axeitado en lugar de que o decida en solitario a Secretaría de Estado de Turismo?.