O BNG pide máis medidas contra o arrastre de cinzas ao mar tras o incendio do Pindo

Daniel Rodas en sesión plenaria

O deputado nacionalista, Daniel Rodas convida á conselleira de Medio Rural a aceptar o ofrecemento do concello e asociacións sociais para poñer en valor o monte

Daniel Rodas en sesión plenaria

 Pleno- O deputado do BNG, Daniel Rodas reprochou á conselleira de Medio Rural “non aceptar a axuda do concello de Carnota e colectivos sociais” para implementar medidas de prevención e revalorización do Monte Pindo, vostedes dixo, “foron por outro camiño a pesar da experiencia do ano pasado”.

Rodas formulou unha pregunta sobre os efectos das chuvias e do arrastre de cinzas nas zonas queimadas durante o verán no concello de Carnota. O nacionalista acusou á consellería de optar por unha política forestal centrada na extinción e no “clientelismo político” ademais de recuperar “as brigadas de pantuflas”.

A improvisación segue presente na consellería do Medio Rural

Ademais, engadiu, a improvisación rexe na maior parte das accións de Medio Rural como a aconteceu o pasado luns cando unha pala debía recoller 35 centímetros de lodo acumulado na praia que non puido ser depositado por ter esquecido o tractor.

O parlamentario do BNG preguntou por qué despois de ser arroxada palla sobre as zonas afectadas a través dun helicóptero, a día de hoxe “aínda non foi esparexida” na zona queimada. Esa é a súa maneira de facer política, a través de “ propaganda”.

Diversos colectivos sociais e ecoloxistas de Carnota ofrecéronse a traballar para revalorizar o monte e a súa riqueza “téñaos vostede en conta”, reiterou, e a aproveite ese ofrecemento.

Unha desgraza que evidenciou o modelo “errático” do PP en política forestal

Rodas lembrou que hai dous meses ardía o Pedregal (Monte Pindo), o que evidenciou o modelo forestal do Partido popular, “gastar os cartos en apagar o lume en troques de investilos no seu coidado” e agora comprobamos como as choivas arrastran as cinzas creando graves problemas no mar e na actividade marisqueira.

Pola súa parte, Rosa Quíntana afirmou que a zona máis afectada pola cinza, a Berberechiña, non producía nada, porque o berberecho alí recollido non cumpría co tamaño esixido e dende o comezo do incendio do Pindo, a Xunta xa tiña activado un grupo de traballo con técnicos, de recoñecido prestixio internacional, en materia de prevención de riscos nos bancos marisqueiros afectados por incendios forestais.

O deputado lamentou que a conselleira non respondera a petición do BNG de declarar “zona catastrófica” os lugares afectados polo incendio do Monte Pindo e que as explicación de Rosa Quíntana diferiran tanto da realidade que se está a vivir no concello de Carnota.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG