O BNG pide explicacións no Parlamento polo xuízo contra Carlos Callón pola suá defensa da toponimia

O grupo parlamentar do BNG amosa o seu apoio ao presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, que será xulgado o próximo Venres na Coruña, a través dunha iniciativa na que urxe da Secretaría Xeral de Política Lingüística que emprenda algunha actuación efectiva para velar polo cumprimento da legalidade vixente no uso do idioma na Xustiza.

A deputada do BNG Ana Pontón, ante o “esperpento” que se vai volver vivir este Venres nos Xulgados, co procesamento dun cidadán cuxo único delito foi defender a legalidade vixente e recriminar o seu incumprimento, rexistrou unha pregunta na Cámara co obxecto de denunciar unha situación “disparatada, que roza o absurdo e que é moi grave do ponto de vista democrático”.

Para Ana Pontón, non é de recibo que se procese xudicialmente a quen defende o dereito de uso do galego tamén no ámbito xudicial “mentres que quen o ataca e vulnera a legalidade vixente actúa con total impunidade”.

A parlamentar nacionalista explica que estes feitos cobran especial trascendencia cando quen vulnera a lei son precisamente as persoas encargadas de velar polo seu cumprimento e impartir xustiza, como é o caso do xuíz decano da Coruña.

Non pode ser que se procese xudicialmente a quen defende a legalidade vixente en materia lingüística e quen a vulnera actúe con total impunidade

Pontón lembra que a orixe do proceso está nunha denuncia deste xuíz, Antonio Fraga Mandián, contra Carlos Callón logo de que o presidente da Mesa o denunciara por empregar nos documentos oficiais o topónimo “La Coruña” .

Asemade, esta situación derívase dunha actuación da Mesa en defensa dos dereitos dunha persoa que reclamou a documentación en galego durante un proceso xudicial, ao que o citado maxistrado lle puxera trabas e dificultades.

O BNG, con Carlos Callón

Estes feitos, engade Ana Pontón, poñen de manifesto as enormes dificultades que aínda existen para a utilización do galego na Xustiza, “por iso o BNG seguirá a traballar no ámbito institucional para velar polo cumprimento da lei en materia lingüística e favorecer a súa normalización na Xustiza”.

Asemade, a propia Ana Pontón, o portavoz parlamentar Francisco Jorquera e o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, acompañarán a Carlos Callón o próximo Venres no xulgado como mostra de solidariedade e para esixir que este tipo de situacións non volvan pasar.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG