Ana Pontón pediu a retirada do actual Plan e reiniciar o debate coa participación real de todos os axentes implicados.
A parlamentaria do BNG, Ana Pontón formulou hoxe unha pregunta na Comisión de Medio Ambiente sobre o actual Plan Reitor de xestión do Parque Natural das Fragas do Eume ante as denuncias da Asociación de propietarios do Parque, Asociacións ecoloxistas, organizacións políticas e sindicais e da Sociedade de Historia Natural.
Tras a intervención da directora Xeral da Natureza que defendeu o actual modelo de xestión, a parlamentaria pediu unha rectificación ante a degradación que se está a producir. Vostedes, dixo, seguen encastelados para non mover nada. Dende o BNG, afirmou, seguiremos denunciando a neglixencia do Partido popular na xestión dos espazos naturais.
A parlamentaria negou que As Fragas do Eume estean nunhas excelentes condicións de conservación como afirmara na súa intervención a directora xeral. Neste sentido, reiterou as denuncias das asociacións ecoloxistas e comunidade científica sobre os problemas ambientais detectados.
Para a deputada, a Xunta non se compromete co acordo parlamentario, a pesar das deficiencias denunciadas entre as que destacou as vinte especies de coleópteros incluídas no actual Plan cando a propia Sociedade de Historia Natural apunta a un número 25 veces maior con máis de 400 especies e a invasión do eucalipto nas zonas protexidas.
Por outra parte, Pontón lembrou que a asociación de propietarios tampouco quere o actual documento porque non serve o modelo presentado pola Xunta, queren un novo plan de xestión coa participación dos axentes implicados, vostede, inquiriu, non avanzou ningún cambio substancial e moito nos tememos que tampouco se vai producir a implicación das asociacións e persoas que viven e coñecen o parque.
A deputada preguntou pola memoria económica financeira e a cantidade destinada para o Plan de xestión así como polas previsións da Xunta para compensar a propietarios e propietarias pola perda do valor da súa actividade para a conservación. Se queremos facer unha xestión diferente que acabe cos conflitos nas Fragas do Eume, recalcou, a Xunta debería rectificar, escoitar e mudar unha política que degrada ese espazo.