O grupo parlamentario tamén solicita, polo disposto no artigo 9, documentación das subvencións concedidas polo Goberno galego ao grupo de empresas nos últimos cinco anos
O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera e a viceportavoz, Carme Adán rexistran diversas iniciativas ao fin de solicitar, ante a mesa do Parlamento e segundo o disposto no artigo 9, copia de toda a documentación sobre os contratos realizados pola administración galega co grupo de empresas Vendex, asi como a documentación sobre as subvencións concedidas ao mesmo grupo de empresas nos últimos 5 anos polos diferentes departamentos do Goberno galego.
A deputada Carme Adán considera que a información publicada na prensa, relativa a Operación Pokemon, na que o Goberno galego pagou a unha empresa do grupo Vendex a compra dun barco a cargo da Dirección xeral de I+D+i da Consellería de Industria, de 40.000 euros, para fomento da investigación e innovación empresarial, pon en entredito a política de subvencións do Goberno que dirixe Núñez Feijóo, máxime cando o IGAPE estivo salpicado por todo un cúmulo de tratos de favor e demisións na pasada lexislatura.
O BNG preguntará ao Goberno polo número de subvencións concedidas ao grupo empresarial Vendex, que departamentos as concederon e se unha das subvencións foi destinada a compra dun barco.No caso de ser así, o BNG pregunta como xustificou a empresa esta operación e que accións emprenderá o Goberno para a devolución dos cartos.