Ana Pontón recriminou que a Xunta nunca comparecera no Parlamento para informar da execución da Directiva marco da auga e impida abrir un debate sobre os problemas de xestión nesta materia
A parlamentaria do BNG, Ana Pontón defendeu hoxe, na comisión de Medio Ambiente, unha Proposición non de lei destinada a instar a Xunta a remitir un informe do grao de cumprimento da Directiva Marco da Auga e dos obxectivos medioambientais das masas de auga que discorren por Galiza así como abrir un debate sobre a xestión da auga.
Pola súa parte, o portavoz popular, José Santiago Freire respondeu á deputada que xa existe un Plan Hidrográfico que cumpre as directrices de xestións das augas.
Na réplica, a parlamentaria explicou que o motivo da iniciativa nacionalista non estaba referida ao Plan Hidrográfico Galicia Costa vinculado á execución da normativa europea do Marco da Auga. Xa sabemos, dixo, que existen dúas demarcacións hidrográficas, unha sobre a que temos competencias e outra xestionadas de maneira inadecuada polo Goberno do Estado pero o motivo da Proposición non de lei e reclamar un debate no Parlamento sobre a situación da xestión da auga en Galiza dende un punto de vista integral e do conxuntos das masas. Neste sentido explicou que o debate levaría aparellado un informe porque resulta chamativo que a Xunta nunca comparecera para informar de como se está a executar a Directiva Marco da auga, que problemas hai e con que perspectiva de futuro contamos nunha materia na que temos competencias directas e noutras non.
A marxe do reparto competencial, que cualificou de disparate, Pontón afirmou que a preocupación sobre a situación das masas de auga que discorren por Galiza é só unha. A parlamentaria asegurou que con outro Goberno xa teríamos a competencia da conca hidrográfica Miño-Sil e ante unha iniciativa que pretende abrir un debate en profundidade lamentou que a resposta do Partido popular sexa impedilo argumentando que xa existe un Plan. A súa resposta, dixo, a nacionalista é unha mostra máis de negarse a recoñecer o problema da xestión da auga e o máis grave e que non queren nin sequera escoitar o que dende a oposición ten que dicir neste sentido, concluíu.