O BNG pide a comparecencia no Parlamento da conselleira de Traballo

O BNG considera urxente que dea contas en sede parlamentar de como pensa atallar as alarmantes cifras do paro en Galiza

O grupo parlamentar do BNG vén de solicitar a comparecencia en pleno da conselleira de Traballo, Beatriz Mato, para que dea conta de que medidas pensa adoptar para atallar as alarmantes cifras do paro en Galiza.

A través dunha petición conxunta asinada co grupo AGE –pois polo número de deputados ningunha das dúas formacións pode reclamar a comparecencia dun membro do goberno-, o BNG quer evidenciar que o problema do desemprego é un dos asuntos máis prioritarios que debe abordar o novo goberno, asumindo políticas totalmente opostas ás que levan aplicando até o de agora e que só conduciron a máis paro.

Neste sentido, o BNG lembra que os dados coñecidos onte, referidos ao mes de Novembro, sitúan a Galiza como cuarta Comunidade onde máis incremento se produciu do paro, sumando xa máis de 276.000 persoas sen emprego.

O problema do desemprego debe ser prioridade na axenda de Beatriz Mato, que ten que asumir políticas totalmente opostas ás que leva aplicando até o de agora, que só conduciron a máis paro

Cómpre salientar tamén que o número de persoas que non contan con ningunha protección social suma máis de 120.000, “cifras que non só son números, senón que son auténticos dramas persoais que precisan dunha resposta rápida por parte dos gobernos con competencias en materia de emprego”, reitera Jorquera, portavoz do G.P do BNG, asinante da comparecencia conxunta.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG