A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, solicitou a comparecencia do Presidente do Adif para que explique por que razón o Administrador de Infraestructuras Ferroviarias presentou un recurso contra o auto do xuiz que instrúe o caso do sinistro de Angrois, cunhas argumentacións realmente cuestionábeis.
A deputada do BNG lembra que o xuiz Luis Aláez imputou no seu auto a cinco responsábeis de seguranza e anticipou a imputación doutros 23 cargos de Adif, entre eles o propio Presidente.
Non se trata de ter capacidades adivinatorias, trátase de pór as medidas de seguranza que un Alvia precisa
As informacións que recollen parte do recurso presentado nos causan asombro e inquedanza polos argumentos utilizados polo Xestor de Infraestructuras Ferroviarias que raian a irresponsabilidade absoluta, sinala.
Para Rosana Pérez resulta reprochábel que o Adif trate de inculpar unicamente ao maquinista, tal e como se pode deducir do recurso, e lavarse as máns de toda responsabilidade relativa á seguranza con afirmacións de que o xuiz exixe ao personal do xestor ferroviario que posean a sobrehumana capacidade predictiva, practicamente adivinatoria, omnisciente de prever un accidente como o do 24 de xullo.
Non se trata de ter capacidades adivinatorias, senón de adoptar as medidas de seguranza que un Alvia precisa.
A deputada do BNG critica que por un lado a Ministra de Fomento se canse de repetir que hai que chegar ás causas e que colaborarán coa Xustiza, ao mesmo tempo que se presenta un recurso contra o auto do xuiz que demostra ás claras que non hai ningunha vontade de cooperar nen no eido da xustiza, nen no Parlamento apoiando a constitución de comisións de investigacións.
O PP vota outra vez non á Comisión de Investigación pedida polo BNG
Hoxe de novo o BNG levou á Xunta de Portavoces do Congreso a solicitude de que se inclúa nun pleno vindeiro a proposta do BNG de Creación de Comisión de Investigación sobre o sinistro do Alvia, máis unha vez o PP o rexeitou. Esta é a demostración da vontade política do PP porque se esclarezan as causas do accidente, o demáis non son máis que palabras.