O BNG pide ao Goberno que priorice ás persoas fronte o "déficit"

Montse Prado critica a excesiva preocupación do PP polo “déficit” mentres hai persoas en Galiza que deben elixir entre comer ou mercar os medicamentos

A portavoz de Sanidade do BNG, Montse Prado defendeu un sistema sanitario público, universal, gratuíto e financiado a través dos orzamentos públicos no que “pague máis o que máis ten”.

A parlamentaria fixo estas afirmacións tras a comparecencia da conselleira de Sanidade na presentación do informe anual do aforro derivado das medidas previstas na lei 12/2010 do 22 de Decembro, de racionalización do gasto na prestación farmacéutica da Comunidade.

Prado asegurou que a aplicación da lei resulta “insatisfactoria” porque as medidas posteriores condenaron a lei á “irrelevancia” e deturparon os obxectivos marcados inicialmente como a blindaxe e aparalización de recortes sanitarios.

A parlamentaria manifestou que para o BNG é importante racionalizar o gasto farmacéutico pero non a base de “penalizar ás persoas enfermas nin deixar fora de financiamento máis de catrocentos medicamentos”, a Sanidade, sentenciou, debe priorizar as persoas e non “criterios economicistas”.

 O PP cambiou unha lei para covertela en “papel mollado”

Deste xeito cualificou a nacionalista a lei de racionalización do gasto farmacéutico comprometida coa reclamación das competencias en materia de sanidade, “que pronto se esqueceron vostedes, dixo, daquel compromiso” e anunciou que agora o BNG non apoiará ao Goberno para trasladar os gastos aos pacientes, “votamos a favor da reforma da lei porque contemplaba medidas positivas” pero o que veu despois, foi “papel mollado”.

Os recortes en saúde, engadiu, estanse convertendo na “bandeira dos gobernos do Partido popular” no Estado español nunha carreira perversa para colocar o “déficit” por riba das persoas a través de decisións lesivas para as economías fráxiles como @s xubilad@s e enferm@s.

A deputada denunciou a existencia de persoas que non poden recoller os medicamentos por falta de recursos nin afrontar o adianto da porcentaxe dos medicamentos receitados non recollidos polo financiamento público, aqueles, explicou Prado, destinados a síntomas leves que deben ser abonados no cen por cen, “medicamentos que as persoas non compran por capricho porque son imprescindibles para a saúde”.

Máis gasto farmacéutico coas pensións máis baixas do Estado

A parlamentaria asegurou que a maiores do gasto en farmacia, as persoas máis desfavorecidas deben sumar a subida do IVE, IRPF, a auga e o transporte a unhas pensións que en Galiza resultan das máis baixas no Estado, “algunhas con 200 euros e outras que non superan os 400”.

Finalmente, a nacionalista preguntou á Conselleira de Sanidade se o seu departamento realizou algún tipo de seguimento das persoas que non retiran os medicamentos prescritos por falta de cartos ou persoas que deben escoller entre “comer ou mercar as medicinas”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG