O BNG pide ao Goberno central que arranxe os problemas co voto por correo

A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, rexistrou unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa para demandarlle ao Goberno central unha solución para moitos estudantes e traballadores galegos que residen temporalmente en países estranxeiros e teñen serias dificuldades para tramitar a solicitude de voto por correo.

A deputada do BNG explica a situación dun grupo de estudantes galegos que están cunha bolsa “Erasmus” na cidade de Tromso, en Noruega. Resulta que segundo a normativa vixente neste tipo de casos se hai que personar nas Embaixadas ou nos Consulados Xerais para realizar a solicitude do voto por correo. “Sexa por un erro ou porque non se considerou pertinente, a lei non menciona en ningún caso aos consulados honorarios ou axencias consulares que están adscritos aos Consulados Xerais”.

O Goberno debe garantir o dereito fundamental a exercer o voto

Mais este requisito “non se contempla para os cidadáns galegos que residen de maneira fixa noutros países, aos que non se lles exixe personarse. Polo tanto, é un feito discriminatorio entre uns cidadáns e outros”, salienta Davila.

A deputada do BNG pón de manifesto que os estudantes galegos en Tromso se dirixiron á Embaixada española en Oslo e só lles propón como solución que se despracen a Oslo para tramitalo na Embaixada, “cando ambas cidades distan entre sí 1.600 quilómetros e todo o mundo se poderá maxinar que uns estudantes sen recursos económicos e con obrigas de estudo non poden ir a Oslo para un trámite”.

Davila sinala que o Goberno central debería arbitrar mecanismos alternativos que garantan o dereito fundamental destes cidadáns a exercer o voto. “E posto que se trata dunha situación excepcional e que o tempo corre na nosa contra, sería desexábel que o Goberno central dese instruccións urxentes para que a solicitude de voto por correo se poida tramitar tamén nas Oficinas Consulares Honorarias ou as que haxa independentemente da categoría do Consulado. Estamos ante un dereito fundamental e deben adoptarse todas as medidas precisas para garantilo”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG