O BNG pedirá no Parlamento a reprobación da eurodeputada do PP Carmen Fraga

Montse Prado agarda que a normativa impulsada pola eurodeputada, tan perxudicial para o sector do mar galego, sexa unha prioridade na axenda da Consellería de Pesca e emprenda accións para anulala

O grupo parlamentar do BNG, a través da súa voceira de Pesca, Montse Prado, levará ao Parlamento a reprobación da eurodeputada do PP, Carmen Fraga, polo perxuízo que vai supor para o sector extractivo do mar galego a súa iniciativa de eliminar a obrigatoriedade da procedencia na etiquetaxe dos productos pesqueiros e marisqueiros.

Montse Prado rexistrou unha batería de iniciativas parlamentares neste sentido, tanto para que a Cámara se posicione sobre uns feitos que cualifica de moi graves, “pois implican a legalización da competencia desleal”, como para que a persoa que ostente a responsabilidade da Consellería de Pesca asuma este tema como prioritario na súa axenda e aclare se comparte a decisión adoptada en Europa.

A deputada nacionalista considera que o goberno galego ten que explicar en sede parlamentar que opinión lle merece a dita decisión, feita a instancias de Carmen Fraga, se cre que vai beneficiar ou perxudicar ao sector e, en caso, de que concorde co BNG e cos afectados en que vai ser perxudicial adopte as medidas necesarias para que non conste no texto definitivo da Organización Común de Mercado (OCM) dos productos da pesca e da acuicultura.

Dereito dos consumidores e supervivencia do sector

Montse Prado lembra que a OCM estabelece as regras para este sector productivo no período 2014-2020 e até a emenda da popular Carmen Fraga obrigaba a identificar a procedencia dos productos, “o que é o máis lóxico porque os consumidores teñen dereito a saber a orixe do que consumen”.

“Non é de recibo –engade- que unha representante galega no Parlamento Europeo deserte da súa responsabilidade con Galiza e actúe ao servizo doutros intereses e doutros países, propondo unha iniciativa que é unha auténtica bomba de reloxaría para o sector”.

Fraude e engano

Para Prado, eliminar a obrigatoriedade de indicar a procedencia nas etiquetaxes ataca ao consumidor, “pois supón unha fraude e engano”, e aos traballadores do sector, “que observan como paulatinamente se despreza a súa producción a favor da foránea”.

A parlamentar nacionalista conclúe advertindo que o sector extractivo galego ten o dereito a vivir dignamente do seu traballo, producindo e comercializando un producto “único” e “extraordinario” que é quen de xerar milleiros de postos de traballo que hoxe se atopan ameazados, “por iso cómpre adoptar medidas con carácter urxente, frear as intencións de Carme Fraga e reprobala no cargo pola súa irresponsabilidade”.

 

 

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG