O vindeiro domingo o BNG organiza unha andaina reivindicativa pola ruta do canal de Escudeiros, a carón do río Arnoia, zona de influencia do proxecto mineiro
O BNG organiza este vindeiro domingo unha andaina reivindicativa para mostrar o seu rexeitamento ao proxecto de explotación mineira Wolfran Aurense, fronte ao que o BNG xa ten feito unha intensa actividade de oposición institucional. A ruta elixida será a da Canle de Escudeiros, na conca baixa do río Arnoia, con saída do cruceiro de Escudeiros ao lado da igrexa ás 9 da mañá, e prolongarase uns 11 quilómetros, culminando cun xantar cos participantes. Esta andaina reivindicativa foi presentada esta mañá no local do BNG en Ourense nunha rolda de prensa na que participou a deputada do BNG no Parlamento Galego, Tareixa Paz, o responsábel comarcal do BNG na comarca de Celanova-Baixa Limia, Xoan Carlos Dominguez Alberte, os concelleiros do BNG de Ramirás e Cartelle, Marcos Meléndez Alonso e Frolinda Estevez Garrido, e un representante da Representante da Plataforma Contra a Destrución de Cartelle e Ramirás.
O obxectivo da iniciativa é denunciar o gran impacto ecolóxico e social que suporía para os territorios a posta en marcha da iniciativa mineira. Os concellos de Ramirás, Cartelle, Gomesende, Arnoia e Castrelo son os que sufrirían de forma directa as súas consecuencias.
Desde o BNG ínstase á Xunta de Galiza que á hora de emitir os informes sectoriais para posteriormente decidir se autoriza ou non a instalación deste tipo de mina, emitan informes negativos baseándose en tres premisas: Que se crea menos emprego do que se destrúe, menos riqueza da que se destrúe; que os seus efectos son irreparábeis; e que debe prevalecer o interese das persoas que habitan neste lugar e que o queren seguir facendo por riba do interese das grandes multinacionais que simplemente veñen esquilmar os nosos recursos.
O BNG está diametralmente oposto a este tipo de políticas de espoliación de recursos naturais que benefician a multinacionais e para as que estes beneficios unicamente serven para gañar máis e máis diñeiro especulando con eles a base de destruír un territorio. O modelo de país proposto polo BNG pasa polo aproveitamento dos recursos naturais e dos sectores produtivos propios, poñendo en valor aquilo que posuímos e preservando a nosa riqueza natural para as futuras xeracións. Só desde o respecto ao país e a soberanía dos nosos recursos podemos mirar cara o futuro.