O Bloque Nacionalista Galego organiza un acto mañá mércores ás 20:00 horas no Hotel Compostela (praza de Galiza) sobre O dereito das nacións a decidir, o camiño para saír da crise. En concreto, ofrecerase unha visión dende Euskal Herria, coas intervencións do responsábel de relacións internacionais da esquerda abertzale, Niko Moreno, e do portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez.
Este acto enmárcase no programa de relacións internacionais do BNG destinado a coñecer e a intercambiar experiencias con persoas que participan dos procesos que procuran a soberanía, con reflexións acerca dunha saída social á crise e á necesidade de dispor de soberanía política para propor alternativas ás políticas actuais. Neste sentido, o BNG defende que para loitar contra a crise en Galiza é necesario dotar este País da capacidade plena para decidir que implica o exercicio da soberanía, ademais de facer valer que o pobo galego conforma unha nación chamada a que as súas institucións democráticas poidan dirixir e determinar o seu futuro nos ámbitos económico, social, político e cultural.
Nas próximas semanas, o BNG promoverá novos actos públicos con representantes de partidos e organizacións nacionalistas de Catalunya así como doutros pobos e nacións de Europa, na liña de avogar pola convivencia entre nacións, dende a defensa da libre determinación dos pobos e do dereito a controlar riquezas de seu. O recoñecemento do dereito de autodeterminación de Galiza, na súa condición de nación, leva aparellado o exercicio libre e soberano de poder para acadar os obxectivos de desenvolvemento económico sustentábel, benestar social e enriquecemento cultural.