O BNG opoñerase á nova lei de horarios comerciais

Montse Prado lamenta que a Xunta aposte por favorecer as grandes superficies frente ao pequeno comercio, malia o importante papel que xoga no PIB, na creazón de postos de traballo e na dinamización de pequenas vilas

A deputada do G.P. do BNG, Montse Prado, ven de lamentar a decisión do goberno da Xunta de promover unha nova lei sobre horarios comerciais, que vai supor un novo ataque ao tecido produtivo do País a favor das grandes superficies.

Montse Prado, logo de coñecer a decisión do Consello da Xunta, avanza que o grupo parlamentar opoñerase á tramitación desta nova lei e fará unha campaña por todo o País para explicar o lesivo desta medida.

A deputada nacionalista advirte de que liberalizar horarios só favorece ás grandes áreas en detrimento do pequeno e mediano comercio, malia o que este colectivo representa no PIB, nos postos de traballo e como elemento dinamizador de moitas vilas e pobos.

Prado lembra que, ademais, o goberno galego está novamente claudicando ante unha invasión de competencias por parte do Estado, “asume como boas as novas imposicións do goberno central en materia de comercio en vez de presentar recurso de inconstitucionalidade, como si teñen feito outras Comunidades”.

Para a parlamentar, cómpre recordar que se está a falar dun sector estratéxico para a economía do País, que xa está moi castigado polo dominio das grandes superficies e que con este novo golpe vai agravar a súa xa crítica situación.

Neste sentido, a deputada convidou aos membros do goberno a que se dean un paseo por cidades como Santiago ou Vigo e comproben in situ o número de establecementos que tiveron que pechar nos últimos tempos “e máis que se verán abocados a pechar de continuar esta política agresiva contra os intereses do pequeno e mediano comerciante”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG