O BNG, nas concentracións contra a LOMCE

O BNG apoia as concentracións convocadas hoxe ás sete e media da tarde en toda Galiza que reclaman a retirada do anteproxecto da LOMCE e terá presenza en todas elas.

O portavoz nacional, Guillerme Vázquez, e a secretaria de organización, Montse Prado, estarán na de Pontevedra, ás sete e media, na praza da Peregrina; o portavoz parlamentar, Francisco Jorquera, e o viceportavoz, Carlos Aymerich, estarán na da Coruña, na praza de Pontevedra; a deputada e membro da Executiva Carme Adán, estará na de Vigo, diante do MARCO; a deputada e membro da Executiva Ana Pontón estará na de Santiago de Compostela, na praza do Toral; a deputada Tereixa Paz na de Ourense, e o deputado Cosme Pombo, na de Lugo, diante da Subdelegación do Goberno.

O BNG rexeita a LOMCE porque epresenta unha involución ao modelo do franquismo e supón a imposición dun modelo educativo sectario e elitista. Trátase da plasmación da ideoloxía do Partido Popular no ensino: debilitalo ao máximo para ser menos público, menos democrático, menos galego e cunha menor calidade. O Ministerio de Educación pretende con esta Lei privatizar e elitizar o ensino, españolizalo, recentralizalo e cedelo en exclusiva ao poder da Igrexa Católica.

A contrarreforma do ministro Wert recupera as reválidas dos anos 60, no remate do sexto curso de primaria, de 4º da ESO e de 2º de Bacharelato. Poráselles máis trabas á promoción, limitarase ao máximo o acceso á universidade e favorecerase acceder canto antes a un precario mercado laboral.

A LOMCE centralizará o ensino, convertendo a Xunta de Galiza nunha mera executora das decisións que desde o Goberno central se tomen. Perderanse todas as competencias que estatutariamente ten reservadas a administración galega en materia de educación.

O BNG non ficará impasíbel ante esta nova contrarreforma e as medidas que o PP está a impor no campo da educación cunha nova redución orzamentaria que busca unicamente afogar economicamente o ensino público e rematar coa autonomía universitaria.

O PP reduce 150 millóns de euros no ensino público e transfire máis de 230 millóns ao privado concertado. Queren converter os centro de ensino e as universidades en comparsas do desmantelamento da rede pública de ensino.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG