O BNG lamenta que Portos de Galiza continúe coas obras no porto de Sanxenxo

Montse Prado en Comisión

Montse Prado lembra que o concello de Sanxenxo, gobernado polo Partido popular, rexeitou a construción de novos pantaláns no porto deportivo por vulnerar o plan especial de ordenación urbanística e salienta a grande constestación social ao proxecto.

A deputada do BNG, Montse Prado cuestionou hoxe a postura do Presidente de Portos de Galiza, Juan José Durán e preguntou si estaba ao lado da maioría dos veciños e veciñas que se opoñen á construción de novos pantaláns no porto deportivo de Sanxenxo a través dunha concesión ao Club Náutico, ou apoiaba a “privatización dos espazos públicos e o amiguismo”.

Tras a resposta de Durán que confirmou a continuidade das obras, Prado criticou o labor dunha administración destinada a conceder autorizacións para “lucro duns poucos”.

Non me gustaría dixo, verme obrigada a falar dun novo “caso de favoritismo” coa persoa ao fronte do Club Náutico mesmo “saltando toda a normativa en vigor” cando ademais, “existen informes que certifican que as obras non se axustan a esa legalidade”.

Prado advirte dun posible caso de "amiguismo"

A deputada do BNG, denunciou que de continuar as obras estaremos ante un novo caso de privatización de espazo público para beneficiar a uns cantos privilexiados, unha actuación, engadiu, que invade o espazo de dominio público portuario e non se axusta nin ao POL nin ao plan especial de ordenación.

A parlamentaria lembrou que os veciños e veciñas de Sanxenxo manteñen en vía xudicial as obras do porto deportivo e preguntou se despois da resposta afirmativa do responsable de Portos de Galiza, o concello de Sanxenxo iniciará un contencioso ou todo resultará “un paripé” para contentar a veciñanza. O concello tomará medidas ou asumirá a decisión da Xunta tamén gobernada polo Partido popular?, preguntou.

Na quenda de réplica, o titular de Portos de Galiza afirmou que a concesión “non requiría informe de impacto ambiental” e os técnicos dependentes da Xunta avalaron as obras do club Náutico polo que “non se lle abrirá ningún expediente”.

A parlamentaria asegurou que as novas prazas de amarre impedirán o uso das praias de Panadeiras e Barcos, e a xuízo do BNG, “non existe xustificación algunha para restar espazo para o baño, e provocar unha evidente diminución da calidade das augas”.

Prado concluíu denunciando que Portos de Galiza “obviou a contestación e alarma social ante obras, o rexeitamento dos veciños e veciñas ao proxecto e o deterioro paisaxístico”.

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG