O Bloque Nacionalista Galego quer expresar o seu máximo pesar pola perda dunha nova vida no mar, a dunha muller, membro da Confraría de Pescadores da Guarda, que morreu arrastrada polas ondas mentres collía percebes nas rochas en Oia.
O BNG, a través da súa voceira de Pesca, Montse Prado, quer facer chegar as súas condolencias e todo o seu apoio tanto á familia da falecida como aos seus compañeiros na Confraría e xentes do mar en xeral por tan terríbel suceso.
Montse Prado lamenta que máis unha vez o mar se cobre unha vida en circunstancias que semella non están totalmente esclarecidas, segundo denuncian as proprias compañeiras da falecida.
Investigación
Para a deputada nacionalista, neste contexto cómpre que a Xunta actúe coa máxima celeridade e abra unha investigación para comprobar se o operativo de salvamento, nomeadamente a actuación do helicóptero Peca I, funcionou acorde cos protocolos de tempo estabelecidos.
Prado considera que nuns momentos tan duros e ante unha traxedia destas características, que desgraciadamente non é a primeira vez que acontece, a familia e as xentes do mar teñen o dereito a saber que foi o que ocorreu e por que se produciu a tardanza de 40 minutos na chegada do helicóptero.
Trátase afirma- de detectar posíbeis irregularidades co obxecto de corrixilas de cara ao futuro e que non haxa que seguir lamentando novas traxedias nun colectivo tan castigado.
Privatización salvamento
A voceira de Pesca nacionalista lembra que o BNG xa advertiu en numerosas ocasións de que precarizar o servizo de salvamento, a través, entre outras medidas, da privatización de parte dos seus medios, como os aéreos, pode ir en detrimento da seguridade, por iso urxe esclarecer canto antes que é o que pasou e rectificar, se fai falla, a política da Xunta neste ámbito.