O deputado Cosme Pombo lamentou a falta de compromiso do novo conselleiro de Industria cunha empresa que cualificou de punteira na produción de cemento galego
Cosme Pombo formulou hoxe unha pregunta parlamentaria ao Conselleiro de Industria sobre as xestións da Xunta de Galiza para garantir a continuidade da actividade empresarial e posto de traballo da factoría de Cementos Cosmos S.A, Oural na Comarca de Sarria.
En resposta á pregunta nacionalista, o conselleiro Francisco Conde non comprometeu ningunha iniciativa coa empresa nin co comité de traballadores presentes no debate argumentando que é a propia empresa quen debe tomar as decisións de seguiren coa actividade.
Na súa intervención, o parlamentario do BNG explicou que a fábrica de Oural é unha empresa con máis de cincuenta anos de funcionamento e un importante impacto económico na comarca de Sarria producindo cemento de grande calidade recoñecido como un dos mellores de toda Europa.
Asemade, engadiu, a empresa cambiou de donos en varias ocasións e na actualidade está controlada por capital brasileiro. Segundo teñen denunciado os traballadores,dixo, hai unha clara intención por parte desta dirección de pechar a empresa e potenciar a que existe en Toral de Los Vados. Cosme Pombo asegurou que a intención do grupo empresarial consiste en eliminar a produción do cemento galego para vender o que se produce na factoría leonesa.
O parlamentario nacionalista instou ao Parlamento galego a defender a actividade da fábrica de Oural e reclamar da Xunta actuacións urxentes que garantan a súa continuidade e postos de traballo, extremo sobre o que o actual conselleiro de Industria non se pronunciou.