O grupo parlamentar do BNG, a través do seu deputado Henrique Viéitez, demandará do goberno da Xunta que se opoña á posta en marcha dos reais decretos lei 19/2012 e 20/2012 do estado en materia de comercio por invadir competencias e ser lesivos para o sector.
Henrique Viéitez presentou este Martes en rolda de prensa unha batería de iniciativas, entre elas unha proposición non de lei, nas que convida ao executivo de Feijóo a promover un recurso de inconstitucionalidade contra os ditos decretos.
O deputado nacionalista asegurou que as medidas aprobadas polo estado van dirixidas maioritariamente a satisfacer a demanda das grandes áreas e van introducir desequilibrios importantes entre diferentes formatos comerciais.
O parlamentar lembra que no caso de Galiza a meirande parte da actividade comercial está asentada en pequenas empresas que teñen exercido e exercen un papel social e económico trascendental na vertebración do territorio.
Para Viéitez, as novas medidas adoptadas polo Goberno van agravar a difícil situación que xa atravesan estas pequenas empresas, pois en Galiza xa tiveron que pechar unha grande cantidade de comercios tradicionais e familiares.
Máis peches e menos emprego
A implantación destas medidas engadiu- nin son demandadas polo propio sector nin polas persoas consumidoras nin responden ás verdadeiras necesidades da actividade comercial e sumadas á suba do IVE, ao galopante desemprego e á previsíbel liberalización total do comercio só van afondar no peche de establecementos e destrucción de emprego.
O goberno galego ten que defender as competencias que xa están atribuidas a cada administración e promover un recurso de inconstitucionalidade contra os reais decretos de Rajoy
O deputado do BNG lamentou a pasividade de Feijóo ante tanta tropelía, que dea a calada por resposta cando a obriga dun goberno debera ser implementar medidas para robustecer o comercio de proximidade, facilitar a conciliación e garantir o acceso ao consumo mediante o fomento do emprego e a dotación de maiores servizos sociais.
Asemade, Viéitez considera indispensábel que o goberno galego defenda as competencias que xa están atribuidas a cada administración para adecuar as normativas ás características específicas de cada territorio.