Montse Prado rexistra unha proposición non de lei exixindo un convenio entre a Consellería do Mar e os pósitos para evitar unha medida que só vai afondar na crítica situación económica das confrarías
O grupo parlamentar do BNG, a través da súa deputada Montse Prado, demandará na Cámara galega que se asine un convenio entre a Consellaría do Mar e as confrarías de Ferrol e Barallobre co obxecto de que os pósitos non teñan que adiantar os cartos das axudas por traballos da rexeneración da ría.
Montse Prado rexistrou unha proposición non de lei neste sentido ante a alarma xurdida entre os mariscadores e mariscadoras da ría ao ser informados de que hai unha partida económica procedente da UE para proxectos de rexeneración de bancos marisqueiros e que unha boa parte deses cartos serán para a ría de Ferrol, pero iso si, sempre que os adiante a confraría.
Mais unha vez engade a deputada do BNG- presentado o proxecto de rexeneración, os pósitos se atopan coa sorpresa de que para poder cobrar polos traballos realizados teñen que presentar ante a Consellaría do Mar os recibos dos pagos aboados aos mariscadores e mariscadoras das súas contas.
Para a parlamentar, esta medida é totalmente inxusta e vai agudizar os gravísimos problemas económicos que xa sofren as confrarías, problemas que en parte xa veñen provocados por decisións e experimentos do propio goberno.
Batea de depuración
Neste sentido, lembrou como o pasado ano se impuxo por parte da Xunta a batea de depuración como única saída para o marisco procedente de zonas C e elimináronse os traslados, un sistema que demostrou ser un fracaso e que ocasionou gastos que case levan á ruína ás confrarías.
Montse Prado explica que despois de sete anos da entrada en vigor da normativa comunitaria para a comercialización do marisco procedente das zonas C, a situación na ría de Ferrol segue a ser a mesma, non hai depuradoras de augas residuais e a consecuencia disto é que a maior parte do marisco está en bancos con esa clasificación.
Ante esta realidade, a parlamentar nacionalista tamén pide na súa iniciativa que o goberno da Xunta se dirixa ao do Estado para que axilice a execución das obras da E.D.A.R norte da ría de Ferrol, que xa levan un mes de retraso con respecto á ultima data anunciada de comezo das obras dos colectores.