O BNG insta á Xunta a manter os postos de traballo da conserveira “Cuca” e evitar o seu traslado

A deputada do BNG, Montse Prado reclama manter o emprazamento da fábrica conserveira en Vilaxoán e garantir os postos de traballo, maioritariamente realizado por mulleres, nunha comarca castigada polo desemprego e a falta de actividade económica

Membros do grupo parlamentario do BNG mantiveron unha xuntanza cunha delegación de traballadoras da empresa conserveira “Cuca” emprazada na localidade de Vilaxoán ante o anuncio do peche das instalacións da fábrica e posterior traslado á planta do Grupo Garavilla no termo municipal de O Grove.

As traballadoras transmitiron ao grupo parlamentario do BNG o seu rexeitamento a esta intención da empresa conserveira e fixeron un chamamento aos poderes públicos para adoptar medidas a favor da permanencia da empresa e os postos de traballo que xera, directos e indirectos, nunha comarca gravemente afectada polo desemprego e a falta de actividade económica.

Pola súa parte, a deputada e portavoz de traballo do BNG, Montse Prado anunciou á plantilla de traballadoras o compromiso desta forza política coas súas reivindicacións e manifestou que “dende o BNG serán presentadas todas as Iniciativas necesarias” para garantir a actividade empresarial e os postos de traballo da conserveira.

Neste sentido, o BNG xa rexistrou diversas iniciativas que serán debatidas proximamente no Parlamento galego co o obxecto de instar á Xunta de Galiza “a adoptar as medidas necesarias para evitar o desmantelamento e traslado da factoría”.

Produto artesanal elaborado por unha plantilla de traballadoras

Para a deputada do BNG, Montse Prado adquire “gran relevancia” que a plantilla composta maioritariamente por mulleres sexa afectada por un ERE nunha comarca que xa padece un alto índice de desemprego e tendo en conta, ademais, que as razóns da empresa para o traslado “non son válidas”.

Conservas Cuca, explica a parlamentaria nacionalista, “non produce perdas” e presenta unha traxectoria e un prestixio presidido pola calidade dunha conserva artesanal e un produto en aceite de oliva virxe extra e ecolóxico, que representa “o mellor activo” nun mercado fortemente competitivo.

Neste sentido, Prado reiterou o apoio do BNG ás traballadoras de Cuca e o compromiso co mantemento dos postos de traballo e emprazamento da empresa conserveira en Vilaxóan.

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG