Bieito Lobeira e os afectados reclaman este recoñecemento para poder acceder ás pensións de xubilación
O voceiro de Pesca do GP do BNG, Bieito Lobeira, emprazou este Mércores ao goberno da Xunta a que inicie todas as accións que sexan necesarias ante o Estado, a Unión Europea e o goberno noruegués para que se lles recoñeza o tempo traballado neste País a milleiros de mariñeiros galegos.
É obriga deste goberno reclamar que este colectivo poida recuperar os impostos que alí pagaron e poidan así acceder a unhas pensións de xubilación dignas. A Xunta ten que asumir este problema, que afecta a máis de 12.000 mariñeiros, segundo estimacións, como un problema propio, afirmou Lobeira.
Durante unha rolda de prensa para denunciar este conflito, acompañado por membros da Asociación Long Hope, de mariñeiros afectados, o deputado nacionalista lembrou que hai dous anos todos os grupos da Cámara se sumaron a unha iniciativa do BNG en busca de solucións á difícil situación que sofre este colectivo.
Acordo incumprido
Transcorrido este tempo, engadiu, só houbo retórica por parte do goberno galego pero non medidas concretas e nada se sabe da conselleira Rosa Quintana, denunciou un portavoz da Asociación, malia que quedou en pórse en contacto con eles logo do acordo acadado no Parlamento.
Após dous anos do acordo unánime do Parlamento para resolver este problema, só hai retórica non medidas concretas
Bieito Lobeira asegurou que a situación destes mariñeiros é de auténtico limbo legal, no que os máis afortunados, aqueles que tamén cotizaron algúns anos en España, si poden acceder a unha pensión de xubilación, só por eses anos, pero todos os demais non teñen recoñecido ese dereito.
Para o parlamentar, a grande coartada que emprega Noruega para impedir o acceso á devolución dos impostos deducidos no seu día e que por xustiza lles corresponden é que non residían no País, o que non se sostén porque desenvolvían a súa actividade laboral en buques baixo incontestábel soberanía norueguesa, como recoñece o propio dereito marítimo internacional.
Estafados
Neste sentido, o portavoz da Asociación, Juan Manuel Lores, lamentou que para temas fiscais si foron residentes noruegueses pero para temas laborais non e cifrou en mil millóns das antigas pesetas os cartos pagados en impostos naquel País durante o tempo que traballaron alá (entre os anos 60 e 1994).
Tanto Lobeira como Lores coincidiron en cualificar de roubo e estafa a situación que padece este colectivo, chegando a comparala co caso das víctimas das preferentes.
O goberno Noruego enganounos, afirmou o portavoz da Asociación, quen pediu á Xunta que se sente a negociar con quen faga falta para poder asinar o convenio que, na súa opinión, podería zanxar definitivamente este conflicto.