Ana Pontón considerou insuficientes as explicacións do secretario xeral de Medio Ambiente, Justo de Benito polo que solicitou os resultados dos residuos analizados
A parlamentaria do BNG, Ana Pontón solicitou hoxe os resultados das análises realizadas pola consellería de Medio Ambiente e reclamou medidas contundentes contra o deposito de residuos en diferentes lugares da comarca de Ferrolterra.
A través dunha pregunta parlamentaria sobre a retirada das verteduras industriais, Pontón cualificou de insuficientes as explicacións do secretario xeral da Consellería de Medio ambiente, Justo de Benito polo que solicitou a documentación dos resultados das análises realizadas aos residuos.
A deputada explicou que existen evidencias de vertidos contaminantes nos solos e augas o que constitúe un grave problema medioambiental e para a saúde das persoas.
Temos constancia, dixo, que nas zonas onde se producen as verteduras víronse afectados pozos de auga para o consumo que obriga aos propietarios/as a mercar auga embotellada sen que por parte dos concellos e a Xunta achegaran algún tipo de alternativa á falta de subministro de auga para o consumo.
Son toneladas de residuos as que se depositan en diferentes montes da comarca de Ferrolterra cun cheiro nauseabundo e tapando os prados. Ademais, as persoas que denunciaron esta situación foron ameazadas pola empresa. Entre as denuncias, lembrou, o propio Valedor do Pobo manifestou que a Xunta e os concellos non lle remitiran a documentación solicitado sobre este asunto.
A deputada referiuse aos residuos do Monte dos Nenos en Narón e os verquidos das Somozas e Das Pontes, residuos afirmou, que aínda non foron retirados, na súa totalidade, segundo confirmou a propia Xunta.
Na quenda de réplica, a nacionalista reiterou a petición dos datos dos resultados das análises e amosou diferentes fotografías para demostrar que nos lugares referidos os camións seguen depositando residuos e mesmo enterrándoos , demais, non sabemos si a apertura de viais nos montes para facilitar o paso dos camións conta coa autorización preceptiva da Xunta.
Finalmente, a parlamentaria esixiu responsabilidade ante un feito que considerou moi grave tanto para o medio ambiente como para a saúde das persoas.