A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, participou hoxe xunto co portavoz de ERC, Alfred Bosch, e o portavoz de Amaiur, Xabier Mikel Errekondo na rolda de prensa para apoiar a proposición de lei de ERC sobre o dereito de autodeterminación dos pobos.
Davila explicou que o BNG como forza nacionalista defendeu sempre o dereito dos pobos a decidir libremente o seu futuro. É un dereito inalienábel de todos os pobos. A portavoz nacionalista deixou claro que o BNG comparte esta proposición de lei porque partimos dese principio básico, e o dereito a celebrar un referendo sobre a autodeterminación.
Nese sentido, Davila puxo de manifesto que esta iniciativa chega nun bón momento, parte dun momento no que o Parlamento catalán decidiu por maioría proceder á celebración dun referendo sobre a autodeterminación, algo que sempre estivo entre os principios do BNG.
Lembrou a parlamentar do BNG que as nacións de Galiza, Euskadi e Catalunya mesmo son recoñecidas na Constitución española como nacionalidades históricas. Por iso, tamén defendemos o dereito de Galiza a decidir o seu futuro libremente como nación.
É importante que no Congreso haxa un debate sobre autodeterminación
A deputada nacionalista resaltou a importanza de que hoxe traiamos ao Congreso a posibilidade de poder debater nun Pleno o dereito á autodeterminación. É un debate importante, e é importante que poidamos pronunciarnos nas Cortes do Estado. Somos conscientes de que no caso de que esta proposición fose admitida a trámite, podería enriquecerse e mellorarse coas aportacións de todos.
A preguntas dos xornalistas sobre a posibilidade de que a Mesa do Congreso vetase siquera o debate da proposición de lei, Davila afirmou que non vexo razón para que non fose admitida a debate esta proposición de lei. Desde un punto de vista democrático elemental, non sería razoábel que se puxeran obstáculos e impedimentos para o simple feito dun debate. Sería unha posición tremendamente antidemocrática.
Asemade, os portavoces de BNG, ERC e Amaiur dixeron aos xornalistas que houbo unha resposta positiva a esta proposición de lei por parte de CIU, PNV e ICV. Lóxicamente o PP e UPyD se opoñen.