O BNG desvela que Ibérica Mantemento S.A incumpre o servizo contratado polo SERGAS

Montse Prado pregunta porque se adxudica un servizo de mantemento integral a unha empresa privada foránea cando o servizo funcionaba “perfectamente” con custes reducidos, profesionais cualificados e unha asistencia inmellorábel

Montse Prado en comisión parlamentaria

 A deputada do BNG, Montse Prado formulou hoxe unha pregunta na Comisión de Sanidade sobre o incumprimento por parte da empresa Ibérica Mantemento S.A das condicións establecidas polo Sergas para a súa adxudicación.

A parlamentaria asegurou que existen evidencias deste incumprimento en todos e cada dos apartados do prego de condicións entre as que salientou: que de 91 postos de traballo ofertados non se cubrira o 60%, os tempos de resposta non corresponde coa oferta, non manteñen o servizo durante 24 horas, carecen de medios materiais, incumpre os prazos para a substitución de equipos, non facilita os equipos ofertados para substituír en caso de avaría e non instalaron o sistema informático ofertado.

Prado afirmou que esta situación provocou que desde finais de setembro, os servizos de radioloxía, endoscopias, diálise e esterilización víronse obrigados a anular un gran número de citas por mor das avarías nos equipos e falta de substitución dos mesmos nos prazos establecidos.

A conselleira de Sanidade “cruza os dedos” para non ter que aplicar máis recortes

Para a deputada, isto responde á intención do Partido popular “de privatizar a Sanidade pública entregándolla a empresas privadas que fan negocio coa saúde dos cidadáns” e lembrou as recentes palabras da conselleira de Sanidade cando publicamente afirmou que “haberá que cruzar os dedos para que non se apliquen máis recortes”.

Na liña da privatización, a deputada do BNG incluíu as manifestacións do número dous do Ministerio do Interior nas que recoñece abertamente que a prerrogativa de seguridade pública concedida ás empresas privadas de seguridade responde a que é necesario “darlle negocio a esas empresas”, baixo o paraugas da Lei de Seguridade Cidadán e que Prado denominou “Lei de criminalización e mordaza”.

Dende o BNG, afirmou a nacionalista, “non nos resignamos” nin agardamos que a situación mellore espontaneamente, a solución non é privatizar os servizos públicos nin “aforrar a costa dunha peor calidade na sanidade”, sentenciou.

Pola súa parte, o director xeral de Recursos económicos, Pablo Torres incidiu no aforro do 5% da empresa Ibérica Mantemento  e avogou por seguir aforrando.

Na quenda de réplica, a nacionalista volveu denunciar un contrato que ao seu xuízo, “empeorou un servizo que estaba a cargo do persoal e medios da Sanidade pública e funcionando correctamente”

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG