O BNG desexa transmitir as seguintes consideracións arredor da data do 6 de decembro

BANDEIRA

1.- Todas as persoas nacen libres e iguais en dignidade e dereitos. Por tanto, a liberdade e a igualdade non se piden, posúense. A democracia debe ofrecer garantías para a libre expresión das persoas mais tamén dos colectivos; para a igualdade de oportunidades entre persoas mais tamén entre os pobos; e para a maior liberdade das persoas mais tamén para as comunidades que así o perseguiren. A misión do estado de dereito consiste en garantir e facilitar o exercicio de tales aspiracións.

2.- As nacións existentes no Estado español posúen os mesmos dereitos que calquera outra comunidade do concerto mundial e son depositarias das mesmas liberdades. O Estado español hoxe recolle varias nacións, que deben obter o recoñecemento e garantir o exercicio dos seus dereitos democráticos, históricos e nacionais, comezando polo de se constituíren como estados independentes e a vontade democrática de exercitaren o dereito á libre determinación.

3.- O BNG continuará a traballar a prol dunha Galiza soberana, con capacidade de decidir sobre o seu futuro, e de se construír digna e libremente como estado, o que significa:

- Unha Galiza que poida construír barcos e cuxas posibilidades de mantemento do tecido industrial non se vexan torpedeadas polos vetos europeos e a submisión do goberno español ás directrices económicas do neoliberalismo.

- Unha Galiza que vexa como se respecta a oficialidade da lingua galega e onde as autoridades non poidan exercer a discriminación contra todo aquilo que non for redixido en español.

- Unha Galiza con control sobre os seus recursos naturais, económicos e produtos, postos ao servizo da revitalización económica e de xeración de emprego digno na nosa Terra.

- Unha Galiza que recupere os milleiros de persoas -fundamentalmente xente nova- expulsadas á emigración nos últimos anos.

- Unha Galiza que poida xestionar a súa pesca, gobernar e protexer o seu mar.

- Unha Galiza que sexa a vangarda na defensa do seu territorio, que aposte pola sustentabilidade, polo pequeno e mediano comercio, polo consumo de proximidade e polos produtos galegos.

- Unha Galiza con instrumentos financeiros propios, que sirvan aos intereses da cidadanía e non rouben o pobo.

- Unha Galiza orgullosa de seu e dotada de medios de comunicación comprometidos coa nosa lingua e coa nosa cultura.

- Unha Galiza combativa, que defenda as conquistas sociais e sexa un referente contra a involución que quere reforzar o sistema patriarcal a través da submisión das mulleres e o regreso aos roles tradicionais que o feminismo leva décadas a combater.

- Unha Galiza alegre e rebelde, coñecedora da importancia de achegar o seu gran de área para continuar a tarefa dunha nación en marcha, implicada noutro mundo máis xusto e máis libre.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG