O BNG reclama unha intervención da Xunta ante a Junta de Castilla-León contra a Orde que discrimina a lingua galega no Bierzo e ao alumnado que elixa esta materia no Bacharelato
O BNG preguntará no Parlamento Galego, que valoración lle merece á Xunta de Galiza que a ensinanza de lingua galega se vexa discriminada en Castilla y León pola aplicación da LOMCE e que que actuacións ten previsto desenvolver para impedir unha nova discriminación para a lingua galega neste ámbito.
Por outra parte, tamén, da auditoría dos deputados, Ana Pontón e Cosme Pombo, o BNG defenderá unha Proposición non de lei instando á Xunta de Galiza a iniciar un diálogo coa Junta de Castilla y León, coa finalidade de modificar o estatus que se lle ofrece ao ensino de lingua galega, na ORDEN EDU/363/2015 do 4 de maio, Orde que establece o currículo e regula a implantación, avaliación y desenvolvemento do bacharelato nesta comunidade.
O BNG reclama o mantemento da lingua galega como materia optativa no horario lectivo do Bacharelato así como apoiar e mellorar a oferta do ensino da lingua galega en todos os tramos do sistema educativo obrigatorio.
A nova Orde, un paso atrás para o ensino do galego no Bierzo
Para os deputados do BNG, a Orde EDU/363/2015 representa un paso atrás no ensino do galego no Bierzo e incumpre o establecido na lexislación vixente sobre a promoción do galego neste territorio. Coa nova Orde, a optativa de Lingua e Cultura Galegas pasa a ser unha materia de libre configuración específica na que o alumnado interesado en cursala verá incrementado o seu horario lectivo sufrindo unha discriminación negativa con respecto ao alumnado que escolla calquera outra optativa.
Neste sentido, Ana Pontón explica que o alumnado que decida escoller lingua galega verá incrementado o seu horario lectivo ata 33 ou 34 horas semanais (fronte ás 30 horas semanais estipuladas), un sobre esforzo importante e a eliminación da ensinanza do galego do horario lectivo.
Os deputados do BNG trasladarán ao Parlamento as denuncias das persoas e colectivos a prol da lingua galega no Bierzo que xa amosaron o seu desacordo coa intención de ofertar a materia polas tardes, cunha carga lectiva, a maiores de 4 horas e a imposibilidade de utilizar o transporte escolar.
O BNG amosa a súa preocupación pola situación que se está a producir polo que considera urxente retomar esta situación. A Xunta de Galiza e a Junta de Castilla y León teñen asinado un protocolo para fomentar o uso do galego nos territorios onde teñen como lingua propia o galego e a nova Orde supón un enorme paso atrás, recalcan os deputados Ana Pontón e Cosme Pombo.
Entendemos que urxe un diálogo entre a Xunta de Galiza e a de Castilla y León que permita resolver esta situación de xeito positivo para a lingua galega. Neste sentido, engade Ana Pontón, convén lembrar que os programas de promoción e difusión da lingua galega necesitan estabilidade e apoio institucional e evitarmos estes vaivéns que só dificultan o seu ensino. A aplicación da LOMCE en Castilla y León supón un paso atrás moi importante para a lingua galega, unha clara discriminación e unha situación que non é de recibo. O galego leva falándose durante séculos no Bierzo e, estas medidas, lonxe de axudar ao seu mantemento e apoio representan atrancos inaceptábeis que poñen en perigo o seu futuro.