Unha delegación do BNG, encabezada por Francisco Jorquera, participou na manifestación celebrada hoxe en Compostela contra o Plan de resolución de Novagalicia BancoA
A delegación do BNG participou na manifestación celebrada hoxe en Santiago de Compostela baixo o lema Non ao roubo do aforro galego e contra a reestruturación laboral de Novagalicia Banco.
Jorquera denunciou o que cualificou de consumación do espolio do aforro galego centrado no plan de resolución de Novagalicia Banco que conleva o despido de 2.500 traballadores e traballadoras, a posible perda da Obra Social, o peche de multitude de oficinas no medio rural impedindo o acceso a servizos financeiros básicos para amplos sectores da poboación e medidas inxustas como a quita imposta aos miles de aforradores estafados polas participacións preferentes.
Derrogación do Plan de resolución de Novagalicia Banco
O portavoz do grupo nacionalista afirmou que este escenario permitirá a venda a prezo de saldo das institucións de crédito que aínda existen en Galiza o que consumará a perda dun sector financeiro propio para a financiación da súa economía produtiva.
Neste sentido, esixiu a derrogación do Plan de Novagalicia Banca e unha estratexia diferente fronte ao plan de resolución da entidade galega en vez de socializar as perdas da banca no seu conxunto da sociedade para a continuación, vender Novagalicia Banco a inversionistas privados polo que reiterou a necesidade de apostar por un banco público galego.
O BNG pide unha investigación a fondo polas prácticas clientelares de Baltar na Deputación provincial de Ourense durante vinte anos
A preguntas dos xornalistas sobre o veto do Partido popular para crear unha comisión destinada a examinar a política de persoal de José Luís Baltar durante o seu mandato como Presidente da Deputación de Ourense e inmerso nun proceso xudicial por esta causa, o parlamentario nacionalista considerou que o PP por moito que tente agora focalizar as responsabilidades en Baltar, amparou e alentou ese tipo de prácticas clientelistas na Deputación de Ourense.
Jorquera acusou ao Partido popular de cómplice e responsable do acontecido na institución ourensá polo que pediu unha investigación a fondo e a depuración de responsabilidades políticas porque ao seu entender, tanto Feijoo como a dirección do Partido popular de Ourense son responsables desas prácticas durante vinte anos