O BNG denuncia a aplicación de lexislación de excepción a Antom Santos, Eduardo Vigo e Roberto Rodrigues que, xunto con Maria Ossório, van ser xulgados a semana vindeira na Audiencia Nacional de Madrid.
Estas persoas serán xulgadas a semana vindeira por un presunto delito de "pertenza a unha organización terrorista". Sen prexuízo da clara condena da violencia que ten manifestado reiteradamente o BNG, e desde a súa adhesión a firmes conviccións democráticas e pacifistas, entendemos que a consideración de actos terroristas para os feitos que se lles imputan é esaxerada e non se corresponde coa realidade dos actos que se xulgan nen cunha percepción social sobre a existencia de terrorismo en Galiza.
O BNG manifesta o seu rexeitamento ao uso abusivo e sistemático da prisión preventiva e da dispersión penitenciaria á que se están vendo sometidas as persoas ás que se lles imputan delitos de violencia de móbil político.
O BNG considera que a figura da prisión preventiva está a ser utilizada na práctica como un anticipo da pena por feitos non probados nen xulgados. A política de dispersión penitenciaria non só supón un castigo engadido ás persoas privadas de liberdade, contrario á finalidade reeducadora e reinsertadora, senón tamén aos seus familiares e amigos que se ven obrigados a desprazarse centos de quilómetros para poder efectuar unha breve visita nos centros penitenciarios.