A candidata número 3 do BNG por Pontevedra, Montse Prado, reclamou esta mañá que tanto a Xustiza como o Partido Popular non apliquen unha dobra vara de medir no caso de presunta corrupción do candidato número 7 do PP por Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.
Asemade, Montse Prado reclamou que Alfonso Rueda, que foi secretario do concello de Cambados cando gobernaba Cores Tourís, non utilice o seu posto de conselleiro responsábel de Xustiza para que se lle dea un trato de preferencia a Cores Tourís.
A candidata do BNG subliñou que dende o respecto á presunción de inocencia, reclamamos un trato igual aos doutros casos de presuntas corrupcións que saltaron ao público xusto ao inicio desta campaña eleitoral e nos que os imputados foron tratados pola Xustiza dun xeito moi pouco respectuoso cos seus dereitos.
Por último, Montse Prado anunciou que o BNG pedirá a creación dunha comisión de investigación no Concello de Cambados para que se aclare a relación do concello coa empresa da que, supostamente, recibiu pagos Cores Tourís.