Ana Pontón, deputada do Parlamento de Galiza, e Xan Cab, portavoz do BNG en Rois, visitaron ás nais e pais pechados no Concello de Rois
O día nove de abril a deputada do BNG, Ana Pontón, e o portavoz municipal do BNG no concello de Rois, Xan Cabo, mantiveron un encontro coas nais e pais do CPI de Dices (Rois). Esta ANPA leva anos reclamando un horario que respecte a normativa, é dicir que sexa legal, e que favoreza unha aprendizaxe axeitada así como a conciliación da vida persoal e laboral.
Para a deputada do BNG a reclamación desta ANPA é totalmente xusta e pensa que o irracional é a cerrazón da Consellaría de Educación. Para Pontón a actitude da Xunta é irrespectuosa e non se entende a falta de diálogo e vontade de solucionar este asunto. A nacionalista destacou que o dereito a unha educación de calidade debe estar por riba dos problemas das empresas de transporte e que este caso supón unha discriminación para os nenos e nenas que viven no rural, algo absolutamente intolerábel
A deputada do BNG rexistrou no día de hoxe diversas iniciativas que reclaman unha solución a este problema. Para Pontón non é de recibo que se priorice o beneficio das empresas do transporte fronte a dereito a educación. A negativa da Xunta de Galiza a atender esta petición da ANPA residenciase nos problemas que xera na organización do transporte. Mais unha vez, afirman no BNG, compróbase como os intereses particulares das empresas teñen máis peso que uns horarios racionais, que fomenten a aprendizaxe e favorezan a conciliación da vida laboral e familiar.
Desde o Grupo Parlamentar do BNG apoian esta demanda e a necesidade de avanzar cara horarios que realmente prioricen os intereses da comunidade educativa fronte ás empresas do sector do transporte.
Nese sentido trasladarase unha pregunta ao Conselleiro de educación e unha proposición non de lei na que se solicita á Xunta de Galiza que presente unha modificación do horario do CPI de Dices (Rois), contando coa participación e opinión de nais e pais, co obxectivo de garantir que se cumpra a normativa vixente que regula os centros públicos integrados de ensinanzas non universitarias e que se favoreza a conciliación da vida laboral e familiar.