Daniel Rodas lamentou o voto desfavorable do Partido popular que conleva a renuncia a defender os lexítimos intereses da flota galega no caladoiro mauritano
O portavoz de Pesca do BNG, Daniel Rodas defendeu hoxe unha emenda á proposta do Partido popular sobre accións da Xunta no debate de acordo de Pesca con Mauritania do que queda excluída a flota cefalopodeira galega nese caladoiro.
Mentres o PP se ampara na normativa europea e acepta as directrices da U.E, dixo Rodas, dende o BNG, defendemos os lexítimos intereses da nosa flota no caladoiro mauritano polo que instamos ao Partido popular a iniciar os trámites para que unha delegación, encabezada pola Conselleira de Pesca, Rosa Quintana, reclame ante a Unión Europea a supervivencia da flota cefalopodeira no banco mauritano.
Asemade, pediu o apoio á folga en Marín convocada polo sector en defensa da flota e reclamar do Grupo parlamentario do Partido popular europeo o apoio a presenza da flota galega en Mauritania:
O nacionalista lamentou que, unha vez máis, o Partido popular galego renuncie a defender os intereses da flota galega nese caladoiro e manteña unha actitude intransixente neste asunto.
O PP prioriza a normativa europea en prexuízo dos mariñeiros galegos
Na mesma comisión de pesca celebrada hoxe no Parlamento galego, o deputado Daniel Rodas tamén preguntou sobre a valoración do Goberno a respecto da cota de xarda asignada pola Unión Europea para o ano 2013.
En resposta á pregunta do nacionalista, o PP defendeu a normativa europea, a pesar dos prexuízos que está a provocar na flota galega.O deputado do BNG criticou que o Partido popular aplique con total impunidade os criterios da UE que marxinan dixo, gravemente á flota galega cun reparto de cota da xarda ridícula a respecto da envergadura da nosa flota.
Neste sentido, criticou que o mar estea cheo de xarda e a flota artesanal sexa obrigada a matar esta especie para despois tirala ao mar por imposición da U.E.