Tereixa Paz cuestiona no Parlamento o pago de 150 millón de euros a empresas, nos próximos 10 anos, por realizar un traballo que realizan e poden seguir realizando os traballadores do Sergas
A deputada advertiu do risco de perder fundos europeos de innovación e eficiencia destinados ao financiamento do Hospital de Ourense
En resposta a unha pregunta parlamentaria formulada pola deputada do BNG, Tereixa Paz sobre o contrato de xestións de espazos do Centro Universitario de Ourense, polo prazo de dez anos, e un importe de 150.247.500, o director xeral do SERGAS confirmou que se abre un novo procedemento de contratación ao quedar deserto o inicial.
Tereixa Paz cuestionou o volume dun contrato e prestacións que impediron a empresas locais acceder á concesión. o mantemento dos postos de traballo e o prazo do devandito contrato, máis propio dunha concesión que dun contrato de servizos.
Preocupación das empresas do sector e da cidadanía
Esta preocupación, dixo, era compartida pola Federación de Asociacións de limpeza de España e a Asociación de empresarios do sector da provincia de Pontevedra que presentaron recursos á licitación, denunciando que nin sequera xuntándose todas as empresas poderían acceder ao contrato, por mor da obriga establecida no prego dunha aportación de 14 millóns de euros para a futura área de hospitalización do CHUO prevista no Plan Director.
Posteriormente, explicou, foi publicada a licitación das obras de ampliación do CHUO nas que figuraba que a contratación das obras quedaba condicionada á adxudicación e formalización dos contratos relacionados coa cláusula referida ao contrato integral de espazos.
Tras catro meses da publicación, dixo, dende o BNG consideramos que a situación é moi preocupante xa que o día 4 deberían ser abertos os pregos do concurso para o contrato de subministración de servizos do CHUO pero días antes coñeciamos a noticia de que quedaría deserto ao non concorrer ningunha empresa.
A nacionalista trasladou a alarma da cidadanía de Ourense ante a demora do Plan Director e lembrou que xa se perderon co peche de Piñor, máis de 70 camas de hospitalización ás que sumou 40 do Hospital Cristal.
Pola súa parte, o Director Xeral do SERGAS,Torres Arrojo coindiciu coa nacionalista no relato da situación dos servizos de explotación do CHOU así como nos problemas nas obras de remodelación e ampliación do Hospital.
Torres Arrojo confirmou que será iniciado un novo procedemento de contratación negociado e negou a privatización da limpeza e de aspectos enerxéticos porque xa están privatizados.
A nacionalista reiterou que se lle van pagar ás empresas 150 millóns de euros, nos próximos 10 anos, por realizar un traballo que realizan e poden seguir realizando os traballadores do Sergas e Xunta condicionou a resolución da licitación das obras aos concursos polos que se privatizan todos os servizos non sanitarias. A través desta privatización, dixo, as empresas adxudicatarias deberían achegar 30 millóns de euros para o financiamento das obras.
O BNG, recalcou, critica o pago de 150 millóns de euros a empresas, nos próximos 10 anos, por realizar un traballo que en parte realizan e poden seguir realizando os traballadores do Sergas, como o mantemento, e lembrou que o Dtor. Xeral anunciou que seguirían no seu posto de traballo. Iso si, engadiu, ás empresas garánteselles tamén que se farán cargo dos servizos nos novos edificios co correspondente incremento do que lle teremos que pagar todas e todos.
Esta situación, concluíu, mesmo podería provocar perder os fondos europeos de innovación e eficiencia destinados ao financiamento do hospital e instou á Xunta a abandonar o seu plan privatizador e optar por unha construción pública cen por cen.