A persecución xudicial que vén de realizar a empresa non vai parar nin aos traballadores nin ao BNG
A deputada Tereixa Paz afirmou esta mañá en presenza do Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego e dos traballadores e traballadoras de T-Solar, que manteñen un peche indefinido nas instalacións da empresa, que está orgullosa de ter sido xudicializada por defender unha causa tan xusta como son os 170 postos de traballo. A deputada nacionalista argumentou de novo sobre as posibilidades que ten esta fábrica no mundo das enerxías renovábeis de cara ao futuro e acusou a empresa de só estar interesada en vender por pezas o material que hai hoxe nas instalacións de Ourense.
Pola súa parte Carme Adán, viceportavoz do grupo parlamentar, afirmou que hoxe T-solar é unha bandeira de dignidade pola defensa do emprego en todo o país. Destacou a defensa que desde o 2 de xullo e de xeito ininterrumpido veñen realizando os e as traballadoras a través do peche indefinido. Xunto cos compañeiros Dani Rodas, Cosme Pombo e Montse Prado expuxo o compromiso de todo o BNG coa compañeira Tereixa Paz que participa do peche desde o seu inicio e que acaba de recibir a citación xudicial.