Debido a aprobación onte, no Congreso dos Deputados, dunha quita mínima do 43% para os afectados e afectadas polas preferentes, o Bloque vigués convocou unha concentración diante do Concello para expresar o seu rexeitamento á legalización dunha estafa.
No acto, a portavoz municipal nacionalista Iolanda Veloso deu lectura dun manifesto que considera que a decisión política que ampara esta estafa, así recoñecida en multitude de sentenzas xudiciais, está baseada unicamente nos intereses do sector financeiro e consolida o culto á usura e á desigualdade.
Por outro lado, o comunicado amósase crítico coa actitude cos deputados e deputadas do PP, xa que mentres din solidarizarse coas persoas afectadas aproban directamente ou consenten con complicidade a posición política do seu partido, aliado da banca e dos intereses financeiros.
Acto indigno
Tras a concentración, a deputada no Parlamento estatal Olaia Fernandez Davila subliñou que o acontecido onte no Congreso dos Deputados foi un acto indigno, ao aprobar un Real Decreto que contempla unha quita mínima do 43% aos afectados e afectadas polas preferentes.
A nacionalista criticou que o propio De Guindos, e polo tanto o goberno estatal, recoñeceu a execución dunha práctica abusiva das entidades financeiras. O goberno é coñedor da estafa e de que hai sentenzas xudiciais que así o recoñecen; e o que fixo onte foi legalizar unha estafa, manifestou.
Imos seguir traballando para evitar que se siga roubando aos afectadas e afectados polas preferentes, asegurou Fernández Davila, quen lembrou que o BNG presentou unha proposición non de lei para eliminar os apartados na normativa que impiden cobrar o 100%.
Olaia Fernández subliñou que o BNG insistirá ata conseguir que os aforradores recuperen o 100%, porque son aforradores e non inversores, como di o goberno, puntualizou.