O BNG concéntrase no Parlamento Galego para demandar un referendo sobre o rescate

O Grupo Parlamentar do BNG concentrouse esta mañá diante do Parlamento de Galiza baixo o lema “Rescate para a banca, roubo para o pobo”.

Os deputados e deputadas do BNG protestaban así contra un rescate que, segundo declarou a portavoz do Grupo Parlamentar nacionalista, Ana Pontón, “supón unha grande estafa”.

E é que segundo denunciou Ana Pontón “o goberno do PP estalle mentindo aos cidadáns sobre o impacto deste rescate, porque é falso que non se vaian esixir novos recortes en dereitos e en servizos para os cidadáns”. “De feito -advertiu-, o máis probábel é que vexamos como se vai acelerar a implantación dos recortes no ámbito das pensións, como vai aumentar o IVE e como se lle van esixir novos sacrificios aos cidadáns para entregarlle miles de millóns á banca”.

É necesario un amplo debate social e que os cidadáns opinen sobre o rescate

Por iso, a portavoz do Grupo Parlamentar do BNG defendeu que “unha decisión política de tal calibre e transcendencia non se pode tomar nin co escurantismo co que está a actuar o goberno do PP nin tampouco sen que os cidadáns teñan dereito a poder opinar”.

Pola contra, Ana Pontón demandou que “antes de aceptar este rescate ten que haber un amplo debate social e os cidadáns teñen dereito a opinar a través dun referendo”.

O rescate fai máis necesaria a Banca Pública Galega

Ademais, criticou que “o señor Feijoo estea enganando aos galegos e galegas a respecto de cal vai ser o impacto deste rescate no futuro de Novagalicia Banco”.

O rescate fai máis necesaria ca nunca a Banca Pública Galega

Lembrou que a Unión Europea está a esixir novas fusións, polo que alertou de que “se non se adoptan decisións o futuro de Novagalicia Banco vai ser a súa absorción por Bankia ou a súa venda a fondos estranxeiros”.

Por iso, asegurou que “hoxe máis que nunca no BNG temos claro que é preciso apostar por unha Banca Pública Galega porque é a única medida real para evitar que se produza un espolio do noso aforro, do aforro dos galegos e das galegas”.

 

http://youtu.be/0_JrLQJef6w

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG