O BNG comprometido co Sector naval galego

Francisco Jorquera e Carme Adán reúnense con representantes do Sector naval vigués ao fin de iniciar novas reclamacións no Parlamento galego destinadas a este sector industrial

O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera e a portavoz de Industria, Carme Adán mantiveron hoxe, a primeira hora da tarde, unha xuntanza con representantes dos sindicatos do sector naval para trasladar as diferentes iniciativas parlamentarias defendidas por esta forza política e iniciar novos traballos en defensa deste sector industrial.

Jorquera e Adán coincidiron en denunciar a xestión política do PP e de Núñez Feijóo que cualificaron de “propaganda” e busca permanente de “titulares” baleiros de compromisos e contido.

Para o BNG, manifestaron, resulta primordial defender o dique flotante de Ferrol, o centro de reparacións do naval de Vigo e sobre todo, demandar o desenvolvemento da Lei Galega do Sector, liñas que esta forza política seguirá defendendo fronte aos “incumprimentos” do Partido popular con supostos contratos con PEMEX e a inacción dun Goberno que condena ao sector naval galego “ao abismo”.

O BNG comprometido co naval galego

Os deputados do BNG trasladaron aos representantes sindicais o seu compromiso no Parlamento galego, do Estado e Bruxelas para seguir traballando politicamente no levantamento do veto a Navantia e a aplicación inmediata do Tax Lease porque , ao seu xuízo, “Galiza xógase o seu futuro e a supervivencia do sector naval galego”.

Jorquera e Adán reiteraron, no seu nome e no do BNG, o apoio ás reivindicacións do sector naval galego en profunda crise por mor da perda de postos de traballo (80% nas comarcas de Vigo e Ferrol) nos últimos anos e criticaron que o Presidente da Xunta sega “mofándose” desta situación “agónica” á que agora, tralo viaxe de Feijóo a México, hai que engadir un novo engano, a posible participación de Pemex no sector naval galego.

Os parlamentarios do BNG pedirán un compromiso do Goberno galego para salvar o naval e reclamarán “concreción real” nos contratos para a construción dos floteis en Galiza, “non estamos dispostos a aceptar novas cortinas de fume”, concluíron.

 

 

 

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG