O BNG apoia todos os acordos da flota do cerco celebrada hoxe en Portosín

Daniel Rodas, portavoz de pesca do BNG insta á conselleira de Medio Rural e Mar, Rosa Quintana a buscar unha posición consensuada co sector que responda aos intereses da flota galega no reparto da xarda e xurelo

Daniel Rodas

O portavoz de pesca do BNG, Daniel Rodas, quer facer público o “apoio” desta forza política ás medidas adoptadas esta mañá pola asemblea do cerco galego celebrada en Portosín para demandar o rexeitamento ao preacordo levado a cabo en Madrid no reparto de xarda e xurelo.

O deputado asegura que o preacordo arruína á flota galega. O nacionalista anuncia que o BNG presentará mocións nos concellos do litoral e no Parlamento galego instando a Consellaría de Medio Rural e Mar a defender unha posición consensuada có sector onde a posición galega responda aos intereses da flota galega.

Rodas denuncia que unha vez máis, ten que ser o sector o que se vexa forzado a “paralizar a flota” para ser visualizado na negociación bochornosa levada a cabo no reparto de cotas de xurelo e xarda, mentres a señora Rosa Quintana e o seu departamento están ausentes e sen axenda.

O BNG respalda os acordos da asemblea dos cerqueiros para pedir a dimisión do máximo representante da Federación de Confrarías por non defender os intereses da nosa flota, reprobar e censurar a actitude da máxima responsable da Consellaría de Medio Rural e Mar por non estar a altura das necesidades do sector e instala a que, de xeito inmediato, convoque unha reunión cos representantes elixidos polo sector para adoptar unha posición firme de defensa da flota galega.

Posición, engade o nacionalista, que pasa por non admitir como criterio principal o reparto en función das capturas históricas. Criterio que favorece arbitrariamente os intereses da flota vasca acaparando o 70% do total de capturas na xarda, o que representa unha auténtica afronta aos intereses galegos e o amarre como solución do sector.

Finalmente, o BNG insta a Rosa Quintana a que antes de ir de “excursión” a Madrid, teña escoitado e aceptado a posición dos cerqueiros que reclaman un reparto xusto e proporcional ao número de embarcacións  e número de tripulantes. Rexeitar que se computen as capturas históricas, cando Galiza tivo regulada esta actividade nos últimos anos, ao contrario que outros, e que por riba se compute como dereitos de capturas a quen se excedeu o cupo. A sanción por sobrepesca que a pague quen pescou de máis, sentencia o portavoz de pesca do BNG.

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG