A nacionalista acusou de "xenocida" a política lingüística do Goberno galego a través dun decreto destinado ao "acoso e derrubo" do idioma galego rexeitado pola comunidade educativa, institucións, universidades e cidadanía.
No debate celebrado onte, a última hora da tarde no Parlamento galego e na votación de hoxe en sesión plenaria, o PP rexeitou a Proposición non de lei defendida pola deputada nacionalista, Ana Pontón sobre a derrogación do Decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario.
O PP non rectificará a súa política lingüística
Na súa intervención, a parlamentaria pediu ao Goberno galego unha rectificación da política xenocida do Goberno contra o idioma galego e que tivo a súa máxima expresión nun decreto rexeitado pola comunidade educativa, institucións e universidades así como polos miles de cidadáns que participaron nas manifestacións convocadas pola plataforma Queremos galego pero o PP,dixo, non quixo escoitar a ninguén e continuou coa súa política lingüicida.
Máis agora, explicou, a todas estas voces críticas dalle amparo o TSXG, que a través de varias sentenzas tumban os alicerces do decreto e cuestionan os instrumentos da Xunta para impoñer unha erradicadora da lingua galega o ensino, fundamentalmente na etapa de infantil nas cidades.
O decreto do plurilingüismo naceu morto
Vai ser a primeira vez na historia da democracia en todo o Estado Español, apuntou a deputada, que un goberno recorre aos tribunais contra a súa propia lingua. Mais tamén é certo, engadiu, que vostedes teñen o triste mérito de seren un goberno que por primeira vez en 30 anos, ataca de maneira tan directa e brutal o idioma galego.
A Xunta dedicaralle á lingua en 2013 tan só un terzo do que lle dedicaba o goberno de Fraga hai 20 anos e o orzamento de apoio ao galego representa só o 0.06%, criticou a nacionalista.
Esta partida económica responde, dixo, a súa obsesión antigalega e aos deseños centralistas e españolizadores, precursores do espíritu Wert e que, sen dúbida algunha, constitúen unha traición clara a Galiza.
A xustificación deste decreto está nun suposto perigo de desaparición do español, cando a realidade confirma que o único idioma que corre risco de desaparecer é o galego, concluíu.