O BNG amosa a súa "enérxica repulsa" á violencia de xénero

O BNG reproba que o PP aplique “continuos recortes” na protección das vítimas de violencia e pide un cambio de rumbo nas políticas de igualdade

O Bloque Nacionalista Galego mostra o seu rexeitamento á violencia de xénero que acaba de provocar o asasinato de catro mulleres, en menos de 48 horas, no Estado español.

Igualmente manifesta a “súa condena” á continua rebaixa de medios humanos e materiais que o Partido Popular está a aplicar na protección das vítimas da violencia, a través de recortes orzamentarios imprescindíbeis no combate contra a violencia machista.

O BNG critica que o Partido popular fomente ideoloxicamente un “modelo de muller tradicional e submisa” que debe regresar ao fogar para tamén, económicamente aforrar prestacións de servizos públicos que o Estado debe garantir.

Tal e como denunciou recentemente a deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, foron reducidas e eliminadas prestacións ecomómicas destinadas ás vítimas de violencia de xénero, ao que hai que sumar “unha deficiente atención ás mulleres” que acoden ás dependencias policiais para realizar unha denuncia. Un bo exemplo desta circunstancia é a eliminación na comisaría de Lugo do servizo especializado para estes casos, só reinstaurado tras as iniciativas parlamentares rexistradas polo BNG e as denuncias sociais e políticas realizadas nesta cidade.

Para o BNG, a loita contra a violencia de xénero é un camiño longo que inclúe moitas iniciativas de carácter transversal que deben comezar no mundo educativo.

Con todo, os recortes en materia social e sanitaria acaban atacando os sectores máis débiles da sociedade, as persoas máis desprotexidas e desamparadas e ninguén dubida que entre elas están as mulleres maltratadas.

O BNG manifesta que existen moitas iniciativas e medidas paralizadas que urxe recuperar porque é un deber dos poderes públicos garantir a posibilidade de autonomía persoal e o desenvolvemento dunha vida digna e sen dependencias.

O Bloque Nacionalista galego denuncia a “responsabilidade e complicidade” do Goberno galego na elaboración de orzamentos que recortan as cantidades destinadas á protección das mulleres vítimas de violencia e esixe un cambio nas políticas de igualdade para impedir que se produzan novos casos de violencia contra as mulleres.

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG