A inciativa do BNG aprobada por unanimidade insta ao Goberno a mediar coa empresa VESTAS a continuidade dos postos de traballo ameazados por dous EREs
O deputado, Cosme Pombo mostrou a súa indignación ante a decisión da Presidenta da Mesa do Parlamento que impediu que os traballadores, traballadoras da empresa Vestas de Chavín-Viveiro non accederan a tribuna de convidados para presenciar o debate da iniciativa do BNG
Pleno.- O deputado do BNG, Cosme Pombo lamentou hoxe a decisión de Pilar Rojo impedindo a entrada á tribuna de convidados aos traballadores/as da empresa Vestas de Chavín- Viveiro para presenciar o debate da iniciativa do BNG e celebralo entrada a noitiña co fin de silencialo nos medios de comunicación.
Na súa intervención, o nacionalista defendeu manter os postos de traballo e a actividade empresarial da factoría e demandou do Partido do Partido popular un compromiso real para as terras de Lugo e o sector industrial de Galiza. Mediante esta Proposición non de lei, dixo, agardamos que o Goberno galego cumpra os seus compromisos cunha empresa que recibiu axudas, diñeiro público e non sega regalando millóns de euros ás multinacionais.
Nesta noite, en alusión as altas horas do debate, estamos a falar da empresa Vestas Nacelles Spain ubicada no concello de Viveiro, instalada en Chavín para producir pezas denominadas góndolas. A Multinacional danesa Vestas" mantén o liderazgo en facturación da provincia de Lugo (642 millóns de euros) e ofrece traballo fixo cualificado a 150 traballadores e traballadoras e temporal a varios centos máis, de aí, recalcou Cosme Pombo a importancia para a economía da Comarca da Mariña.
Lamentablemente, explicou, a dirección da empresa comunicou o 17 de maio aos traballadores a paralización da produción da fábrica de aeroxeneradores de Chavín-Viveiro, durante varios meses, baixo a escusa dunha reorganización da plantilla fixa e que suporá un expediente de extinción de emprego para 54 taballadores e un expediente de regulación temporal para os 95 restantes.
O Comité de empresa mostrou o seu desacordo coa decisión da empresa e reclamou o apoio social e dos grupos políticos para tentar defender os postos de traballo e a actividade empresarial. Os membros do Comité de traballadores non confían no plan de traballo presentado pola empresa para a fabricación do novo Super Slim de 2 MW porque ao seu entender, pode converter a factoría de Chavín en secundaria cando na actualidade é principal. Os EREs presentados reducen a capacidade de produción da planta de Viveiro e coloca os postos de traballo e as condicións sociolaborais en grave risco.
O grupo parlamentario do BNG, afirmou, comparte a preocupación do Comité de empresa e mostrou o seu apoio ás súas reivindicacións porque entende que os axustes de plantillas nas empresas do sector eléctrico xa foron acometidos ao longo destes anos.
O BNG considera que non se poden eliminar postos de traballo nas empresas subvencionadas con fondos públicos e o Goberno galego debe tomar iniciativas para garantilos e xerar actividade para aumentar o número de postos de traballo no sector eólico galego.
Balseiro ofrece publicamente o apoio aos traballadores pero non avanza medidas concretas contra os despedimentos
Pola súa parte, o portavoz do Partido popular, José Manuel Balseiro asegurou que a empresa VESTAS está en Viveiro grazas ao Partido popular e o anunciou dos EREs non é satisfactorio. O popular afirmou que o Goberno de Galiza comprométese cos traballadores de VESTAS pero non avanzou como se plasmaría ese acordo e con que consecuencias polo que o deputado advertiu que o BNG seguirá moi de cerca os puntos da iniciativa nacionalista para comprobar que se cumpren ou se o acordo acadado hoxe no Parlamento é un novo engano ante a proximidade das eleccións
O parlamentario do BNG rematou a súa intervención lamentando a posición do Partido popular na liña de seguir empobrecendo a comarca da Mariña, non podemos consentir máis paro nin máis emigración polo que volveu a reclamar instar á Xunta a garantir os postos de traballo existentes antes dos anuncio dos EREs e facer valer as axudas públicas concedidas a Vestas Nacelles Spain.